O partido de Gonzalo Jácome levará a pleno unha moción na que demanda un enlace do castro de San Tomé e a prolongación das rutas actuais, nas marxes do Miño e Barbaña, nun quilómetro.
Democracia Ourensana vén de presentar unha moción para debater no vindeiro pleno do Concello de Ourense, na procura da recuperación das marxes do río Loña cun paseo fluvial.
“Este espazo natural, patrimonio común, que acolle marabillas insospeitadas, é merecente de coidado e protección, así como dunha promoción moito máis decidida”, explica Gonzalo Jácome no texto da moción. Por iso, dende o seu grupo propoñen unha ampliación dun quilómetro do paseo fluvial inagurado en 2012, e a instalación de miradores.
Así, agora propoñen un enlace co castro de San Tomé, que consistiría en “facer unha pasarela á altura do castro e abrir unha senda (que precisa baranda) enlazando coa ruta xa existente coñecida como a calzada medieval, e rematando no punto de partida. Esta pasarela serviría de mirador”; e a prolongación da ruta rodeando o embalse de Castadón (que pertence a Pereiro de Aguiar).
“Un mínimo investimento dotará á cidade de Ourense dun novo espazo de lecer, que reportaría extraordinarios beneficios de saúde e pracer para os veciños e Visitantes”, explican. E adiantan que no futuro se pode pensar na conexión co paseo de Cachamuíña, en Pereiro de Aguiar. “Estaríamos a falar dunha mellora de alumeado, algún ximnasio máis o aire libre, alguha pista de patinaxe, incluso algún pequeno circuito de iniciación ao ciclismo de montaña para nenos na zona de Reza… etc”, detallan.
A posición de DO en Pereiro de Aguiar
En relación a esta mellora, dende o grupo municipal de Democracia Ourensana en Pereiro veñen de presentar outro escrito ao seu correspondente goberno municipal solicitando que faciliten a realización da proposta de DO no Concello de Ourense. “Este fermoso proxecto uniría os dous concellos cun paseo ideal para o ocio, deporte e poría en valor o patrimonio cultural e medioambiental da zona, e sería ideal enlazalo co actualpaseo da presa de Cachamuíña e coa área recreativa e boscosa do noso Concello”, explica Francisco González, voceiro de DO en Pereiro.