O prazo de presentación de propostas remata o 26 de novembro.
A Escola Superior de Informática do Campus de Ourense acollerá o vindeiro 10 de decembro o 15º Concurso de Proxectos Tecnolóxicos, que ten como obxectivo vencellar a investigación realizada na universidade nos eidos da informática e as telecomunicacións e as demandas do mundo empresarial. O acto de presentación contou coa presenza da directora da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense, Ana Garriga; o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín, e o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gomez Villar.
Entre as novidades deste ano é que a Deputación, patrocinadora do evento, entregará o Premio “Provincia Intelixente”, unha categoría especial que ten a súa razón de ser no apartado de “Provincia Intelixente” do Plan Ourense 15-19, orientado a dar servizos ós cidadáns e ás administracións locais e no que as tecnoloxías da información teñen unha especial incidencia no seu desenvolvemento. Daráselle especial relevancia a aqueles traballos que poidan ser encamiñados a dar solucións englobadas neste proxecto.
O concurso de Proxectos Tecnolóxicos chega xa a súa décimo quinta edición consolidado como unha gran oportunidade para os estudantes do sector de Galicia e de Portugal para dar a coñecer os seus proxectos de Fin de Carreira. A finalidade deste concurso é sensibilizar ás empresas dos beneficios que lles pode achegar a aplicación da investigación tecnolóxica ó seu proceso de produción axudando a facela máis competitiva.
Prazo de presentación e premios
O acto de entrega dos premios terá lugar na Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo-Campus de Ourense, co-oganizadora do concurso xunto a Expourense, e será o xoves 10 de decembro. As bases da convocatoria para presentar os traballos poden consultarse na páxina web www.expourense.org e en total repartiranse 1.400 euros en premios.
O prazo para a recepción dos traballos remata o 26 de novembro. Pódense presentar os estudantes dos Títulos de Enxeñaría en Informática, Enxeñaría de Telecomunicación e Traballos de Fin de Máster de másteres oficiais relacionados co eido das tecnoloxías da información e as comunicacións das tres universidades galegas e tamén do Norte de Portugal.
Bono transporte
Co obxectivo de facilitarlle a participación neste concurso aos alumnos das Universidades da Coruña e Santiago de Compostela, a organización puxo a súa disposición un Bono desconto do 35% en RENFE (inclúe AVANT) que pódese descargar en www.expourense.org.