As familias adxudicatarias teñen 15 días para aceptar. Nesta ocasión trátase do aluguer das mesmas, pero de seguido tramitarase a compravenda dos 20 inmobles restantes.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), realizou o último trámite, previo á entrega de chaves, do procedemento de adxudicación das 32 vivendas de promoción pública en réxime de alugueiro construídas no barrio de Covadonga.

O acto consistiu na entrega da carta de adxudicación a cada unha das familias que resultaron adxudicatarias no sorteo de asignación de vivenda celebrado o mes de xuño do pasado ano. Para establecer as condicións da adxudicación, o IGVS elaborou os estudos económicos personalizados, de maneira que cada adxudicatario paga un prezo diferente en función da superficie da vivenda e dos ingresos ponderados da unidade familiar adxudicataria.

Posteriormente os adxudicatarios coñeceron as súas futuras vivendas e recibiron información sobre o mantemento e a conservación das mesmas e dos espazos e elementos comúns. A partir de hoxe, os adxudicatarios dispoñen dun prazo de quince días para a aceptación da vivenda.

Proximamente tamén se realizará estes trámites coas 20 vivendas restantes construídas en Covadonga e adxudicadas en réxime de compravenda.

Características
Estas vivendas de promoción pública executadas polo IGVS distribúense en dous bloques compostos por unha planta baixa e catro plantas altas, amais de dous sotos dedicados a garaxes e rochos con acceso común.

Das 52 vivendas, dúas están adaptadas para persoas con mobilidade reducida. Teñen 2, 3 e 4 dormitorios, con superficies comprendidas entre 60,77 m2 e 87,73 m2. Contan cunha praza de garaxe entre 30,34 m2 e 42,60m2 e rochos entre 4 e 7 m2. Os inmobles constan de salón-comedor-cociña, dormitorios, baño, aseo, vestíbulo e lavadoiro tendedeiro. A cociña está totalmente amoblada.