Magosto da Milagrosa

DO e PSOE acusan ao alcalde de querer acaparar protagonismo por non facer extensivos os convites dos magostos aos grupos da oposición, mentres que o Goberno asegura que todas aquelas invitacións veciñais ao conxunto da corporación foron comunicadas aos grupos.

 

Polémica municipal ao redor das invitacións aos magostos veciñais. Democracia Ourensana e Partido Socialista acusaron este luns ao alcalde de querer acaparar o protagonismo ocultando aos grupos da oposición as invitacións dos magostos dos distintos barrios da cidade. Desde o Goberrno local respostaron que se comunicou ao resto de grupos aqueles magostos nos que os organizadores solicitaron que a invitación se fixese extensiva aos membros da corporación.

DO denunciou o feito ao coincidir o pasado sábado o seu líder, Gonzalo Pérez Jácome, en dous magostos, en Oira e Rabodegalo, cos representantes do PP, “que estaban de gira, en medio de 13 magostos distintos”.

Logo de facer pública a súa denuncia, “el grupo de gobierno del Concello de Ourense ha quedado en evidencia, ya que al enterarse de nuestra denuncia, nos acaba de remitir, con carácter urgente, la convocatoria para los próximos días de siete magostos distintos”, afirmou Jácome. O político sinala que as invitacións están datadas ao redor do 30 de outubro, “las han tenido 10 días en la nevera, y no las sacarían a la luz de no ser por nuestra denuncia”, recalcou. Como consecuencia, desde Democracia Ourensana pregúntanse: “¿cuántos eventos secuestró el alcalde para acaparar él sólo el protagonismo?”.

As críticas ao PP tamén chegaron desde o grupo municipal socialista. O seu voceiro, José Ángel Vázquez Barquero, censurou “a falla de transparencia do alcalde Jesús Vázquez Abad e do seu staff, que habendo recibido diversos convites nos últimos tempos, co rogo de que se fixeran extensivos a toda a corporación municipal, decidiron ou ben ocultalos ou ben non cumprir co solicitados polos veciños e/ou colectivos”.

O político socialista afirma que “é unha actitude prepotente por parte do alcalde, que non sabemos se vén derivada da ineptitude do seu staff; ou se debe a unha estratexia política co fin de acrecentar o seu ego e afán de protagonismo a base de ocultar información, tratando de perxudicar e deixar quedar mal aos grupos municipais da oposición diante dos veciños”.

Os membros do grupo socialista só tiveron constancia dos mgostos aos que foron invitados persoalmente polos veciños e de un que foi trasladado dende o Departamento de Protocolo.

Resposta do Goberno municipal
O goberno do PP rexeitou estas críticas de DO e PSOE e lembrou, a través dun comunicado, que todos os magostos aos que os veciños quixeron invitar a toda a corporación, foron comunicados en tempo e forma aos grupos políticos. “Só no caso puntual do magosto de Palmés, debido a un erro na transmisión dende a Secretaría de Alcaldía, este convite non chegou aos grupos políticos. Ainda así, este convite foi formulado de palabra aos membros de Democracia Ourensana no mesmo sábado, ao coincidir nun dos magostos previos”, aseguraron.

O PP reiterou que en ningún caso ocultou as invitacións, “se ben non fará nunca extensibles invitacións aos grupos se os organizadores dos magostos non formulan esta petición de xeito expreso”.

Por último, o Goberno local tamén lamentou as “críticas desafortunadas do grupo municipal socialista cara a profesionalidade ou suposta ‘ineptitude’ do persoal do Gabinete de Alcaldía” por consideralas “descalificacións persoais infundadas e alleas á lícita crítica política que debe enarbolar o segundo grupo político da oposición”.