Os traballos correrán a cargo da empresa SETGA SLU, cun investimento de preto de 230.000 euros.

Este mes comezarán as primeiras obras de posta en valor da Ponte Vella, executadas pola Xunta

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, manifesta a súa satisfacción “porque grazas á colaboración institucional, acadamos unha obra fundamental para a posta en valor dun dos símbolos máis representativos da nosa cidade, que se complementarán coa adxudicación en próximas datas das obras de mantemento da Ponte do Milenio”. Así, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda ven de anunciar que formalizou hoxe o contrato para a execución das primeiras obras de posta en valor da Ponte Vella, en Ourense, cuxo inicio se prevé neste mesmo mes de abril. Os traballos correrán a cargo da empresa SETGA SLU, que presentou a oferta mellor valorada para executar estas actuacións iniciais cun investimento de preto de 230.000 euros.

Estas obras iniciais afectarán, en primeiro lugar, á calzada, na que se igualará o pavimento, empregando como único material o bloque de pedra. Ademais, substituirase a capa de formigón que existe nos apartadoiros e pavimentarase o único treito en terra que existe.

No proxecto destaca sobre todo a substitución da iluminación, xa que a actual quedou obsoleta e mingua o valor estético do monumento. Para iso, mudaranse as actuais luminarias e os grandes focos que proxectan a luz cara aos alzados da ponte e optarase por sistemas de leds, que mellorarán a estética, realzando a monumentalidade da estrutura, ademais de acadar unha maior eficiencia enerxética, un aforro no consumo e unha menor contaminación lumínica.

Como medidas complementarias, eliminaranse graffiti pintados na ponte e nas edificacións anexas, retirarase mobiliario urbano e outros elementos engadidos á fábrica da ponte, aplicaranse tratamentos de fosilización dos troncos das árbores enraizadas na fábrica, limparase a maleza e rarearanse as árbores que medran baixo os arcos e nunha franxa próxima á ponte. Tamén se acondicionará un camiño peonil que discorre baixo un dos arcos, mellorando a comodidade e seguridade viaria dos viandantes.

Esta primeira fase do proxecto de posta en valor da ponte romana de Ourense suporá un investimento total algo máis de medio millón de euros e abrangue tamén actuacións que desenvolverá a Consellería de Cultura, que prevé adxdudicar neste mesmo mes os traballos de retirada da condución de abastecemento e restauración do quebraondas.

Ponte do Milenio

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, lembra que tamén en próximas datas se iniciarán as obras de reparación da ponte do Milenio, en Ourense, que contará cun investimento de preto de 585.000 euros. Hai uns meses, a Xunta e o Concello de Ourense asinaban o convenio de colaboración para acondicionar esta infraestrutura e formalizar a súa entrega á Administración local, o que permite acabar coa situación de indefinición existente sobre a titularidade da ponte. “É fundamental que se executen estes traballos, tendo en conta que se devolverá  toda a funcionalidade a unha infraestrutura que é estratéxica, desde o punto de vista da mobilidade; cun gran atractivo turístico, por canto ofrece unha visión panorámica da cidade; e emblemática xa que, logo de anos, a ponte tense convertido nun elemento representativo da cidade”.

As obras a realizar pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) consistirán no selado de fendas, limpeza de corrosión e protección anticorrosiva dos elementos de aceiro do viaduto e revestimento dos pilonos cunha pintura acrílica que impida a penetración de auga. Ademais, executarase a impermeabilización completa da cara superior do taboleiro, para eliminar humidades e filtracións ao seu interior, incluso substituíndo a capa de rodadura.

Así mesmo, retirarase a vexetación e liques e canalizarase a auga cara aos sistemas de drenaxe próximos. Tamén se eliminarán as pintadas, aplicando un verniz nas zonas accesibles. Ademais, repararase o sistema de iluminación arranxando e repoñendo todas aquelas luminarias deficientes e farase unha revisión completa do sistema eléctrico.