Seguindo estratexias da Mesa da Mobilidade, anímase a Xunta a incluír carril-bici en rúas coma Progreso, Concordia ou avenida de Bos Aires.

O Concello solicítalle á Xunta catro sendas peonís e ciclistas en vías de titularidade autonómica

Reducir o tráfico de coches e fomentar o uso da bicicleta en desprazamentos cotiás. Son as dúas motivacións que levan o Concello de Ourense a solicitarlle á Axencia Galega de Infraestruturas catro propostas de sendas peonís e ciclistas nos límites da cidade. Estas accións enmárcanse dentro da segunda fase do Plan de Sendas da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, na que se lles solicita a nove concellos da comarca de Ourense información sobre os itinerarios que consideran que se deben executar ao abeiro deste plan autonómico.

A primeira destas suxestións é o trazado que discorre na OU-105 dende a glorieta da Avenida de Zamora até o límite termo municipal. Consideran os técnicos da Concellería de Infraestruturas que se reduciría o número de vehículos que se desprazan até o tanatorio de Seixalbo e daríalle oportunidade así aos traballadores dos polígonos situados na contorna de moverse sobre dúas rodas. Con esta idea propóñense tamén sendas na OU-402, desde a rúa Pena do Vado até a pasarela de Outariz, e desde o remate da Avenida de Bos Aires até o enlace coa OU-536 e no tramo desta vía comprendida nos límites do Concello de Ourense.

A OU-101 é outra das propostas do Concello á AXI: desde o cruce coa rúa dos Berrocás até o remate do termo municipal, no camiño que discorre cara ao cemiterio municipal e dá acceso aos polígonos empresariais de concellos limítrofes.

Dentro do ámbito da mesa da mobilidade: carril bici na cidade

A pacificación do tráfico na cidade é unha das estratexias da Mesa da Mobilidade, constituída actualmente no Concello. Deste xeito, e na medida que a AXI poida actuar nas estradas de titularidade autonómica, o Concello proponlle a inclusión de carril bici nos tramos que discorren pola cidade. Rúa Progreso, Avenida de Zamora, Rúa Concordia e Avenida de Bos Aires son as rúas propostas polo Concello de Ourense para esta fin.

O Plan de Sendas de Galicia é a folla de ruta coa que a Administración autonómica quere avanzar na seguridade viaria e a protección dos usuarios máis vulnerable das estradas, fomentando ao mesmo tempo unha mobilidade sustentable, de acordo cos obxectivos da Unión Europea de promoción da economía baixa en carbono. Nese marco, a Xunta prevé a construción de 170 novos quilómetros de sendas peonís e ciclistas seguras, sustentables e integradas na paisaxe nas estradas de titularidade autonómica.