O espazo poderá visitarse até o 15 de xuño en tres sesións matinais.

A Concellería de Educación vén de inaugurar a XXVII Exposición de Animación á Lectura no Museo Municipal -durante este mes o Pazo das Fabas-, unha iniciativa que funcionará como espazo lúdico para que os escolares da cidade -de tres a dez anos- se encontren cos libros. «Saboreando as letras», nome da exposición, está inspirado nos legumes, por ser o 2016 o ano internacional deles. “Por aquí pasarán os lectores de hoxe e de mañá. Aquí atopará unha canle a inquedanza e a motivación dos novos amantes da literatura na nosa cidade”, dixo o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, durante a presentación.

“Animo a centros educativos e escolares a gozar da exposición, máis tamén ás familias a achegarse ao Museo e compartir experiencias fermosas e absolutamente emocionantes cos seus cativos”, comentou. A exposición está aderezada por imaxes e decorados especiais para poder animar a que os nenos soñen cos libros e para que esta experiencia lúdica e didáctica sexa un referente para cada visitante.

A exposición pode visitarse até o 15 de xuño, de martes a venres en tres sesións matinais. A partir do 18 de maio, a exposición tamén poderá ser visitada en horario de tarde de 18:30h a 20:30h. Os sábados 21 e 28 de maio e 4 e 11 de xuño haberá sesións especiais de contos e xogos para os visitantes que se acheguen ao Museo Municipal en dúas sesións, 11:45h e 12:30h.

No espazo serán recibidos por Dente, Quino, Lavanda e Néboa, encargados de guiar os máis de 3500 nenas e nenos dos colexios de Ourense polos diversos xogos e contos do mundo dos legumes. Os personaxes, encarnados por catro actores ourensáns encabezados por Laura Míguez, mesturan realidade e ficción creando dous espazos ben diferenciados. Por unha banda, o Ministerio dos Legumes, situado na planta baixa, unha excéntrica mestura de cociña, horta e biblioteca. Por outra banda, o Ministerio das Nubes, un mundo máxico situado entre cirros, cúmulos e estratos e cun espazo central que ten como protagonista á Gran Faba, unha planta leguminosa xigante que agromou grazas á maxia.

Ademais, no mesmo espazo estarán expostos os traballos que realizaron os alumnos durante o curso escolar nas distintas actividades realizadas pola Concellería de Educación no Programa Animación á Lectura.