O Concello de Ourense celebrou este mércores sesión plenaria extraordinaria para aprobar un expediente de modificación de créditos e un recoñecemento extraxudicial de créditos, por valor de 1,4 millóns de euros. O apoio do Partido Socialista, que sumou os seus 6 votos aos dez do Partido Popular, permitiu que nesta ocasión a modificación de créditos que pretendía o grupo de goberno saíse adiante. A diferencia do que sucedera hai 20 días, no pleno ordinario, onde a modificación fora rexeitada. O expediente non contou co apoio de Democracia Ourensana, que votou en contra, nin de Ourense en Común, que se abstivo.
Con estes 1,4 millóns de euros procedentes de remanente de tesouraría o Goberno municipal poderá pagar facturas pendentes en áreas como a recollida de lixo, o alumeado público, reparación de infraestruturas, conservación de edificios, o contrato de limpeza de dependencias municipais, traballos de desinfección e desratización, gastos da programación cultural do Auditorio e das festas tradicionais da cidade ou gastos en publicidade e propaganda.





