Na quinta edición destes premios, que se celebrarán o 29 de xuño e que terán ao actor galego Serxio Pazos como presentador.

Avelino Lorenzo recibirá o Premio “Vida entre vides” da D.O. Ribeiro

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro decidiu outorgar o seu Premio “Vida entre Vides” a Avelino Lorenzo, quen recibirá unha homenaxe na Gala de Premios que se celebrará o mércores 29 de xuño, no Mosteiro de San Clodio (Leiro).

Avelino Lorenzo Giráldez é un veterano viticultor e adegueiro que traballou a prol dos viños do Ribeiro en todos os campos. Foi pioneiro na posta en valor das variedades autóctonas, buscando aumentar a calidade dos viños, pero tamén se significou noutros eidos como a revitalización do viño tostado do Ribeiro. Ademais, foi membro do Consello Regulador durante máis dunha década; dinamizador en feiras e eventos; colaborador da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia ou da Universidade de Vigo en investigacións sobre os viñedos… O seu traballo continúano os seus fillos na adega da D.O. Ribeiro, Herederos de Avelino Lorenzo.

Os Premios da Denominación máis antiga de Galicia chegan á súa quinta edición, sendo a deste ano a primeira ocasión na que se incorpora este galardón. O Premio “Vida entre Vides” é unha homenaxe e recoñecemento ao labor e angueiras de toda unha  vida aos viticultores e adegueiros da D.O. Ribeiro. Prémiase ás persoas que, co seu esforzo, foron pioneiras na modernización e avance da D.O. máis antiga de Galicia. 

Durante o evento hanse entregar o Premio Persoeiro de Honra 2016 ao xornalista Cristino Álvarez, en recoñecemento á súa andaina; o Premio “Muller e Viño”, a Mayte Santa Cecilia, directora de márketing e compras das tendas madrileñas Bodega Santa Cecilia dende o 1990; e o Premio “Mellor Tarefa de Comunicación”, a Salvador Manjón, director de La Semana Vitivinícola dende hai 24 anos.

O resto de categorías que van coñecer os seus gañadores son: Premio “Mellor servizo de viño en restaurante”; Premio “Mellor tenda especializada – viñoteca”; Premio “Mellor taberna – bar de viños”; Premio “Mellor viño branco adega”; Premio “Mellor viño branco colleiteiro”; e Premio “Mellor viño tinto”.

Serxio Pazos, o presentador

O actor Serxio Pazos, natural do concello ourensán de Sandiás, será o presentador da Gala dos Premios da D.O. Ribeiro. Será unha gala amena, na que humor e viño daranse a man a través das distintas intervencións do seu condutor, que desentrañará a outra cara do Ribeiro cun sorriso.