O Goberno autonómico tamén adquiriu vehículos cisterna para actuar nas zonas limítrofes con Portugal, por ser identificadas de alto risco.

A Xunta entrega unha nova motobomba para a loita contra o lume ao Concello de Bande

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, participaron na entrega de tres motobombas para a loita contra os incendios forestais aos concellos de Ribeira, Noia e Bande. Ademais, neste mesmo acto tivo lugar a recepción, por parte da Xunta, de dous camións cisterna gran nodriza, que permitirán dispoñer en todo momento de abastecemento de auga nos lumes tanto urbanos como forestais.

As motobombas cedidas aos 3 municipios súmanse as 57 xa entregadas en marzo pasado –nun acto presidido polo titular da Xunta– a diferentes concellos de toda Galicia e aos propios servizos de extinción da Administración galega. De cara ao inmediato futuro, está prevista a compra doutras 12 motobombas a finais deste ano e de 12 máis a vindeira primavera.

Vehículos cisterna

Nesta mesma liña de actuación a Xunta adquiriu, no marco do Proxecto Europeo de Cooperación Transfronteiriza ARIEM112, dous vehículos cisterna gran nodriza que permiten transportar grandes cantidades de auga como apoio á intervención dos distintos servizos de emerxencia e protección civil e defensa do medio ambiente, para cubrir as necesidades de subministración de auga potable, así como o transvase de auga para o seu uso como tanque nodriza en extinción de incendios de certa magnitude e, en xeral para calquera situación onde se precise auga de alta presión.

Ditos vehículos foron adquiridos co fin de actuar principalmente nas zonas de Ourense e Pontevedra, limítrofes con Portugal, identificadas como zonas de alto risco potencial de incendios forestais. A inversión destinada nestes vehículos é de 576.686 euros.

O obxectivo é poder dispoñer en todo momento de abastecemento de auga nos incendios, tanto urbanos como forestais.