O vicepresidente segundo da Deputación acusa ao deputado socialista de dirixirse a el “de xeito ameazante" tralo remate do pleno.

O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, Jorge Pumar, afirmou tralo remate do pleno ordinario de xullo que o voceiro provincial socialista e alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez, “estase a converter no símbolo da antipolítica, amosando de continuo un comportamento que está a levar á deriva á oposición socialista”.

Para Pumar é absolutamente lamentable que os representantes do PSOE “só acudisen a levantar a man e cobrar a dieta da xornada, sen intervir no debate dos asuntos da orde do día, como fixeron o resto dos grupos políticos”. A única voz socialista, denunciou, “foi a do seu voceiro para soltar un mitin nada máis comezar a sesión e para, ao remate do pleno, dirixirse de xeito ameazante a esta vicepresidencia”.

O deputado da oposición, engadiu o vicepresidente segundo, non só está a alonxar ao seu partido dos cidadáns, senón que tamén está a provocar un cisma no seu propio grupo “onde asumen con impotencia que cada un é como é”. Para mostra, lembrou, “as impulsivas e irreflexivas decisións que toma, como aconteceu na pasada comisión de Transparencia, obrigando con malos modos aos seus compañeiros a abandoar a sala por non entender, como el mesmo recoñeceu, o procedemento de presentación de mocións”.

Jorge Pumar lamenta ademais o desprestixio que o tamén alcalde de Ribadavia está a causar ao seu Concello, “que pola súa nefasta xestión está a sairlle moi caro aos veciños, dando exemplo da súa incompetencia coa recente resolución da xunta electoral”.