Coa súa moción, Ourense en Común quere garantir que non se repitan situacións como as vividas polo persoal de Linorsa e Seralia nos últimos meses.

Ourense en Común defenderá no pleno ordinario do mes de setembro unha moción para que o alcalde de Ourense se comprometa a garantir, entre outras, as condicións laborais dos planteis de empresas contratadas pola institución municipal.  

“Ate o de agora só a ponderación económica tense en conta no momento de adxudicar contratos públicos. Deste xeito estase promovendo que naqueles contratos nos que o compoñente económico fundamental vén constituído polo custo da man de obra, a única forma de rebaixar a oferta é empeorando as condicións laborais dos traballadores”.

Esta é a razón, segundo Ourense en Común, dos conflitos vividos nos últimos meses con varias empresas adxudicatarias. Así apuntan a que “todas elas sumaban faltas de pagamento ás traballadoras e presentaron ofertas de licitación que significaron o descontento do persoal a subrogar”.

A moción presentada aposta porque as administracións municipais procuren unha contratación pública estratéxica, sustentable e socialmente responsable que teña en conta non só a calidade e eficacia na prestación de servizos públicos e nas compras públicas, senón tamén a necesidade de non incidir negativamente sobre as condicións nas que se desenvolve a prestación laboral ou sobre o propio emprego. “A oferta economicamente máis vantaxosa non ten por que identificarse coa do prezo máis baixo”, advirten.

Ourense en Común argumenta que a súa proposta está contemplada nunha Directiva do Parlamento Europeo e xa en práctica en varios concellos do estado español sen que isto supuxera en ningún caso a redución do número de licitadores. En base a esta propoñen a inclusión de cláusulas sociais nos procesos de contratación pública, ben como requisito previo (Criterio de Admisión ou Reserva de Mercado), como elemento de puntuación (Criterio de Adxudicación) ou como unha obriga inherente ao propio contrato (Condición en fase de Execución).