As inscricións permanecen abertas ata o 15 de outubro no Concello de Verín.

Obradoiro do Cigarrón para o Entroido 2017

O Concello de Verín  organiza desde o ano 1997 o Obradoiro de Cigarrón. Con esta iniciativa pretende que a máscara máis antiga e con máis significado patrimonial do Entroido verinés se manteña dentro duns canons de respecto polas formas tradicionais. Para iso, no Obradoiro ensinase a facer todos os elementos do cigarrón, salvo o pintado da careta e os compoñentes de produción industrial. As persoas interesadas poden facer a máscara completa ou partes (traxe, careta). No caso de que queiran facer o traxe, é indispensable ter coñecementos de confección con máquina e de calceta, e estar dispostos a levar máquina propia ou a aprender compartindo máquina industrial.

O Obradoiro do Cigarrón serve tamén para transmitirlle aos participantes o calzado que harmoniza co traxe, que tipo de chocallos e cantos se deben levar, ou como vestir a máscara e utilizala en público.

Inscrición

A inscrición faise na Casa do Concello até o día 15 de outubro, onde se lles facilitará unha relación dos materiais que precisan para desenvolver con normalidade as actividades.

Para participar en todas as actividades, a cota de inscrición é de 90 euros. Se só se quere facer o traxe ou a careta, a cota é de 70 euros. O obxectivo é que se fagan máscaras completas. Por iso, acéptase que dúas persoas que sexan da mesma familia (parentesco até 3º grao), pagando unha única matrícula, participen complementariamente en actividades distintas, facendo unha o traxe e outra a careta.

Calendario e horarios

As actividades formativas rematarán antes do Xoves de Compadres, desenvolveranse na Casa da Xuventude, e está previsto que comecen a partir do día 15 de outubro.

As persoas que queren facer a máscara completa deberán ter libres os martes e os mércores entre as 16:30 e as 19:30 h. No caso de facer só o traxe, os martes das 16:00 ás 19:30 h. Para facer só a careta, os mércores das 16 ás 19 h.