O Bono Coidado no Fogar e o complemento para o pago dunha residencia beneficiarán a máis de 30.000 galegos

A Xunta destina 155 millóns a estas dúas novas axudas para a atención á dependencia.

A Xunta destina 155 millóns para o Bono coidado no fogar e o complemento para o pago dunha residencia; axudas para a atención á dependencia que beneficiarán a máis de 30.000 galegos.
A maior lonxevidade da sociedade fai que a atención ás persoas maiores e con dependencia sexa un dos temas prioritarios que está na axenda de todas as administracións públicas e máis, se cabe, na da Xunta de Galicia, que conta cun contexto demográfico como o actual marcado polo envellecemenro da poboación. Por iso, é preciso dar solucións ás novas necesidades que xorden desta realidade.

Maior orzamento
O orzamento destinado, en Galicia, á atención dos maiores medra ano tras ano e, en concreto, neste exercicio, a Xunta investirá 540 millóns de euros a este fin, o que supón un 18% máis que o ano 2023.
Este incremento na partida económica permite avanzar cara a universalización dos coidados da dependencia, coa posta en marcha de dúas medidas que serán accesibles para todos: o Bono Coidado no Fogar e o complemento ao Bono Residencia.
As persoas con dependencia recoñecida que cumpren cos requisitos, desde principios deste ano, reciben mensualmente estas novas axudas, beneficiando a máis de 30.000 galegos e ás que o Executivo autonómico destina 155 millóns de euros ao longo de 2024, como se citou anteriormente.

Axudas
O Bono Coidado no Fogar supón unha axuda de 5.000 euros anuais dirixida ás persoas dependentes que son atendidas nas súas casas, sen mirar o grao de dependencia recoñecida nin a súa capacidade económica. As persoas que están nesta situación, é dicir, as que xa tiñan unha libramento no entono familiar, reciben, de maneira automática, esta prestación desde o pasado mes de xaneiro.
As persoas dependentes que contan cun servizo de atención distinto e queiran pasarse ao Bono Coidado no Fogar deberán acudir aos servizos sociais do seu concello ou ben do seu centro de saúde para solicitar o cambio.
Do mesmo xeito, e con independencia do grado de dependencia ou o nivel de renda, as persoas que están recibindo unha axuda da Xunta para o pago dunha residencia, percibirán un extra de 1.200 euros ao ano para facer fronte aos custes do aloxamento.

Atención
Galicia dá, con estas dúas novas prestacións, un paso importante cara o obxectivo de lograr un sistema de atención á dependencia que sexa accesible e igual para todos, do mesmo xeito que xa ocorre coa educación e a sanidade.
Coa creación de novos recursos de atención, estase dando un forte e decidido pulo nos últimos anos a través de iniciativas pioneiras como as casas do maior; co impulso dun novo modelo de coidados, que inclúe, entre outras medidas, a dixitalización das residencias da Xunta ou co notable aumento das persoas con dependencia atendidas.
Se temos en conta os catro anos da pasada lexislatura, a nosa comunidade autonóma aumentou en máis de 12.000 o número de dependentes atendidos. Na actualidade, son máis de 73.000 as persoas dependentes que reciben un servizo ou prestación, o que sitúa a ratio de atención da comunidade preto do 98%, oito puntos por enriba da media nacional.