Celebrarase en Allariz do 22 ao 24 de agosto.
A Festa da Empanada de Allariz celebrarase durante a fin de semana do 22 ao 24 de agosto. Foi presenrada nun acto no que participaron a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, e o concelleiro de Cultura, Alberto Conde. Ambos destacaron a importancia desta celebración como “referente gastronómico e cultural da vila”, así como o seu papel dinamizador para a economía e o turismo local.
Programación
A programación da edición deste ano inclúe actividades para todos os públicos, combinando tradición e modernidade. O prato forte será a Xornada Gastronómica do sábado 23 ás 21:00h, cunha degustación da coñecida empanada de Allariz nos Xardíns do Museo do Coiro. Ademais, durante toda a fin de semana haberá venda de empanadas en panaderías, pastelerías e locais de hostalería da vila.
O programa arrincará o venres 22 ás 20:30h cunha proposta teatral na Praza do Matadoiro: “Entre fíos ando ao lío” da compañía Punto en Boca, e continuará cun concerto nocturno de Budiño – Branca Vela 2025 ás 22.30 h nos Xardíns do Museo do Coiro.
O sábado celebrarase tamén o XXXIII Tríatlon Vila de Allariz, ás 18:00h na Alameda, seguido ás 21 h da xornada gastronómica de degustación de empanadas e do concerto da Orquestra Neverloura, e dunha sesión de Discomóbil con DJ xa entrada a madrugada.
O domingo 24 chega cunha intensa xornada de actividades que inclúe:
– Pasarrúas e concerto da Banda Cultural Instructiva Unión Musical Genovesa de Valencia
– XXXV Regata Provincial de Piragüismo
– Desfile de Xigantes e Cabezudos coa participación do grupo de gaitas De Pé Feito
– Presentación do C.D. Allariz e partido contra o C.D. Seixalvo
– Concerto do grupo Os d’Abaixo no campo de Vilanova.
– Baile popular coa orquestra La Oca Band
Desde as 11:30h, o Campo de Vilanova acollerá a tradicional Festa Campestre, con churrasco e polbo durante todo o día, nun ambiente familiar e festivo. A entrada será de balde.






