E o rural manifestouse

Unhas 7.000 persoas concentráronse na Gudiña reclamando o restablecemento das paradas na estación Porta de Galicia.

Xa viñan facendo ruido, desde que Renfe decidira suprimir paradas na estación Porta de Galicia, pero o da Gudiña o pasado sábado, 2 de agosto, foi reflexo de que a reclamación vai máis aló do rural. A plataforma «Dereito ao Tren» que xa se viña posicionando en contra da supresión de paradas na Gudiña convocou unha manifestación e o chamamento non lle puido ir mellor. A pesar das altas temperaturas da tarde do sábado, ninguén quixo deixar de apoiar esta reivindicación que traspasa as nosas fronteiras, e unhas 7.000 persoas se manifestaron esixindo o restablecemento de paradas. Manifestantes da provincia, pero tamén doutras de Galicia e da veciña Zamora; tampuco faltaron portugueses apoiando a reivindicación.
Foron máis de 30 concellos os que se uniron a esta reclamación; o alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome, tampouco faltou, como non faltaron autoridades, como o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo; ou mesmo o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices. Tamén estiveron presentes representantes poíticos de todas as formacións.
A manifestación partiu desde a antiga estación da Gudiña ata a nova Porta de Galicia foi, ademais de multitudinaria, pacífica. Nas numerosas pancartas podíanse ler frases como «Dereito ó tren. Entérrannos en vida» ou «Tren útil xa! sen tren o rural morre».

Reivindicación
«Dereito ao Tren» na súa reivindicación di que a estación da Gudiña-Porta de Galicia «dá servizo de tren ao territorio do oriente de Ourense, que inclúe tanto as comarcas de Limia, Trives, Valdeorras, Verín e Viana e facilita a comunicación co Norte de Portugal».
Tamén recordaban que os horarios dispoñibles na devandita estación ata o pasado 9 de xuño de 2025 «permitían desprazarse para acudir a consulta médica, xestións administrativas, e diferentes casos de uso relacionados co emprego, a educación, o turismo rural e desenvolvemento local, a emprendeduría, a conciliación familiar e un longo etcétera, en definitiva uns horarios que posibilitaban á poboación exercer o seu dereito de mobilidade e acceso aos servizos». Porén, a partir dese día 9 de xuño, Renfe «oficializou uns novos horarios nos que elimina 16 trens dos que ata entón tiñan parada na Gudiña». Para a plataforma, eses cambios quitaron o «dereito á mobilidade», ademais de poñen en grave risco a igualdade de oportunidades no noso territorio.
Cabe recordar que agora, cos novos horarios, o primeiro tren hacia Madrid que para na Gudiña é o das 12.08 horas, e o último tren que sae de Madrid e fai a mesma parada é o das 18.06 horas.
Por culpa deste cambios, cita a plataforma, «quitáronnos ese dereito á mobilidade e poñen en grave risco a igualdade de oportunidades no noso territorio», polo que se emprendou a mobilización do día 2 para «defender o noso dereito á mobilidade, á igualdade de oportunidades, ao acceso ás infraestruturas que transforman o noso territorio e que outros, pero non nós, poden gozar», explicaban.
Ademais, vaticinan que a desaparición dos horarios útiles de tren, «poñen en risco tamén a continuidade da propia estación. Os horarios inútiles farán que se utilice menos e, por tanto, dará pé á redución posterior dos servizos e finalmente o peche da estación».
Un novo problema pola redución dos horarios sinalan desde a plataforma. Para permitir «a conexión do AVE coas comarcas veciñas de Valdeorras e Verín», establecéronse «autobuses de ligazón entre os concellos e a estación». Eses horarios de transporte por estrada permitiron manter conectadas as comarcas e agora coa redución «están tamén en risco de desaparición».
Por todo iso, solicitan a todas as administracións involucradas, tanto provinciais, autonómicas, e estatais, que permitan aos cidadáns acceder a un dereito fundamental como é o transporte, que nos permita acceso aos servizos sen discriminación territorial. «A nosa reivindicación é que a Estación da Gudiña-Porta de Galicia conte con horarios útiles para as necesidades que ten a poboación neste territorio, en igualdade de condicións que teñen outros territorios e estacións de orixe» reclaman.
Por iso reclaman: a adaptación dos horarios ás necesidades da poboación; o restablecemento das frecuencias eliminadas; e apostar por un servizo público ferroviario útil.