Pezas orixinais de Star Wars, Indiana Jones e Alien na exposición “Making Movies”

É unha das actividades paralelas do OUFF e estará aberta ata o 2 de novembro.

O Ourense Film Festival ademais de sesións cinematográficas conta con actividades paralelas como a exposición “Making Movies” que se pode ver no Centro Cultural Marcos Valcárcel. A mostra expón pezas orixinais de Star Wars, Indiana Jones e Alien.

Making Movies trae a Ourense dende debuxos conceptuais, atrezzo e guións ata vestiario, claquetas ou armas que formaron parte destas películas recoñecidas por todos; en total son máis de 100 lotes destes films icónicos da sétima arte. Deste xeito, danse a coñecer as diferentes disciplinas que forman parte do proceso creativo da sétima arte.
A mostra poderá visitarse ata o 2 de novembro, no horario habitual do Centro Cultural Marcos Valcárcel e con entrada de balde. Ademais, haberá visitas guiadas da man de Júpiter Juegos.

O 30º OUFF celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro, coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada. No programa de actividades paralelas, tamén descatan o concerto OUFF Film Symphony, o domingo 28 no Auditorio, e os roteiros que percorren localizacións na provincia de películas e series de televisión.

Á inauguración contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, quen destacou o carácter «transversal, social e innovador» do OUFF, posto que o festival, dixo, «non son só películas, tamén actividades paralelas que contribúen a dinamizar a cultura», como o caso desta exposición. Neste sentido, reafirmou o compromiso da Deputación co futuro do festival e coa cultura, apoiando iniciativas coma esta mostra.