“Playa de Lobos”, de Javier Veiga, inaugurará o 30º OUFF, e “La deuda”, de Daniel Guzmán, clausurará o certame

As dúas películas terán a súa estrea en Galicia no marco do festival.

Déronse a coñecer en rolda de prensa as películas que inaugurarán e clausurarán a 30ª edición do OUFF · Ourense Film Festival.
Trátase de dous filmes de cineastas vinculados co festival e que poderán verse por primeira vez en Galicia no OUFF. Playa de lobos, dirixida por Javier Veiga, inaugurará o certame o día 26, mentres que La deuda, o último traballo de Daniel Guzmán, o clausurará o día 5 de outubro. Guzmán recibirá, ademais, a Calpurnia de Honra do festival durante a gala de clausura.
Según comentou Óscar Doviso, director artístico do festival, «estou convencido de que estas dúas películas, que serán presentadas polos seus directores no Auditorio Municipal, van cumprir as expectativas dos asistentes ás galas».

Playa de Lobos é unha comedia escrita e dirixida por Javier Veiga. Entre os seus intérpretes, ademais do propio Veiga, figuran Guillermo Francella, Dani Rovira, Marta Hazas e Antonia San Juan. A trama comeza nun bar de praia cunha discusión entre dous descoñecidos, un turista e un camarero do local. A película chegará ás salas do país o 5 de decembro, polo que os espectadores do OUFF poderán gozar dela con dous meses de antelación.

La deuda conta a historia dun home que intenta xuntar os cartos necesarios para evitar perder a súa casa. Escrita, dirixidida e protagonizada por Daniel Guzmán, ten no seu reparto a Rosario García, Itziar Ituño, Susana Abaitua e Luis Tosar. O filme terá a súa estrea en salas o 17 de outubro, dúas semanas despois da clausura.
Guzmán estará presente na gala de clausura non só para presentar o filme, senón tamén para recoller a Calpurnia de Honra da 30º edición do OUFF, un tributo a súa traxectoria e compromiso co cine social. O galardón, ademais, estrea o novo deseño do escultor Manuel Buciños, e estará exposta ata ese día no Centro Cultural Marcos Valcárcel.