Verín acolle a V edición da Festa da Cervexa

Celébrase os días 10 e 11 de outubro de 18:00 a 02:00 horas.

Os vindeiros días 10 e 11 de outubro, o Concello celebrará a V edición da Festa da Cervexa de Verín. Será un evento centrado nesta popular bebida que contará con máis dunha vintena de variedades de cervexas nacionais e de importación, e que se complementará con varios stands que ofertarán unha variada selección gastronómica e música en directo.

O evento terá lugar na zona verde da Preguiza e contará, como xa é habitual, cunha carpa na que estarán colocados os postos de bebidas e alimentación. O horario da feira será: tanto o venres coma o sábado, de 18:00 a 02:00 horas.

Segundo explicou o concelleiro responsable da área de feiras, Manuel Lorenzo, a Festa da Cervexa consolidouse como unha das citas de referencia no calendario de outono en Verín, despois de reunir na pasada edición a máis de 5.000 asistentes. «Este ano queremos manter ese nivel de participación ofrecendo unha ampla representación de cervexas; tanto nacionais como internacionais, con propostas para todos os gustos», sinalou.

En relación coa gastronomía, Lorenzo destacou que «cun total de 12 postos (10 no interior e 2 no exterior), a oferta será de novo variada e pensada para acompañar a cervexa: desde propostas clásicas como chourizos ou salchichas ata elaboracións máis coidadas como hamburguesas, polbo, codillo empanadas ou gofres e crepes caseiros».

A cita cervexeira contará tamén con animación musical en directo no interior da carpa, cun programa preparado pola área de Turismo, Cultura e Festexos do Concello, dirixida por Samanta Barreira. O venres 10 de outubro, ás 24:00 h, terá lugar a actuación de Los Tresillos, un trío compostelán de versións Power Pop-Rock. O sábado 11 de outubro, ás 24:00, será a quenda da agrupación En Mala Hora Rock & Roll Band, unha agrupación musical ourensá que versiona tanto temas coñecidos como pequenas xoias esquecidas entre os discos das grandes estrelas do Rock and Roll e do Blues, ademais doutros xéneros.