471 corredores de once países desafiarán os 48 km o 12 de outubro.
O Parador de Santo Estevo acolleu a presentación oficial da novena edición do Trail Ribeira Sacra, unha proba de montaña que transcende a competición deportiva para converterse nunha experiencia que promove o deporte, o respecto polo medio ambiente e a posta en valor do patrimonio paisaxístico, cultural e gastronómico da Ribeira Sacra.
O acto contou coa participación de Diego Novelle, presidente do Grupo Cuevas Nogueira Trail organizador do TRS; Beatriz Fernández, directora territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia en Ourense; Manuel Pérez, xefe do Servizo de Deportes; Diego Enrique Álvarez, asesor de Política Deportiva en representación da Deputación de Ourense; o alcalde de Nogueira de Ramuín, Julio Temes, e o concelleiro de Deportes, Raúl Soto.
Unha proba de referencia internacional
Nesta novena edición participarán 471 corredores de once nacionalidades, desde Corea ata Canadá, Estados Unidos ou Dinamarca, consolidando o Trail Ribeira Sacra como unha cita de referencia internacional.
A organización destacou tamén o incremento da participación feminina, que xa representa o 18% do total, un dato que reflicte o crecemento do trail como espazo de igualdade, esforzo e superación.
A proba disputarase o domingo 12 de outubro de 2025 e levará aos deportistas a percorrer 48 quilómetros e máis de 3.450 metros de desnivel positivo, por sendas que atravesan lugares emblemáticos como o Castro de Moura, os Miradoiros da Lampa e Pé do Home, o Mosteiro de Santo Estevo e outros recunchos de extraordinaria beleza.
O TRS, un referente do turismo deportivo saudable e sostible
Na súa intervención, Beatriz Fernández, subliñou o apoio institucional a eventos que unen deporte, natureza e turismo: “A Secretaría Xeral para o Deporte apoia este tipo de eventos que combinan deporte, natureza e turismo. Son unha oportunidade única para dar a coñecer a nosa riqueza patrimonial, cultural, paisaxística e gastronómica. Ademais fomentan a vida saudable e axudan a dinamizar as nosas comarcas”.
Engadiu que o Trail Ribeira Sacra é “un referente no turismo deportivo de calidade e saudable”, e felicitou á organización polo seu “compromiso coa calidade e coa excelencia”.
Un evento que impulsa o territorio e aposta pola sostibilidade
Diego Novelle, salientou o impacto positivo do TRS na comarca:
“Máis do 85% dos corredores veñen de fóra da provincia e un 40% de fóra de Galicia. Isto supón un impulso importante para o turismo, a hostalaría e o tecido económico local. O Trail Ribeira Sacra non é só deporte: é natureza, cultura, patrimonio, gastronomía e vida”.
Novelle engadiu que a organización mantén o seu compromiso coa sostibilidade: sinalización compostable, eliminación de plásticos e uso de materiais respectuosos co contorno.
Gastroexperiencia TRS: o sabor da Ribeira Sacra
Entre as novidades desta edición destaca un novo espazo de Experiencias de Calidade na xa habitual #GastroexperienciaTRS, que permitirá a corredores e acompañantes degustar produtos galegos de calidade diferenciada, auténticos embaixadores da nosa gastronomía, combinando sabor, tradición e territorio.
Datos prácticos
Data da proba: Domingo, 12 de outubro de 2025 Lugar de saída e meta: Praza de Luintra Hora de saída: 8:00 h
Distancia: 48 km.
Desnivel positivo: +3.450 m.