Regresa unha nova edición da Feira da Chinita

Celebrarase o 9 de novembro no Campo da Feira.

O Campo da Feira será escenario o domingo, 9 de novembro, dunha nova edición da Feira da Chinita. O Concello colabora un ano máis con esta actividade que reúne en Ourense a comunidade venezolana que reside en Galicia, e se encadra no marco das actividades de celebración do San Martiño na cidade.

O evento, que chega á súa novena edición, terá a entrada gratuíta, e desenvolverase desde as 12.00 h até as 22.00 h, cunha ampla programación de actividades, que inclúe unha comida típica venezolana e as actuacións de artistas musicais como Miguel Moly, Los Coleguitas, Gaiteros del Zulia, Misael Sánchez e Elymar Zuryta. Tamén haberá un DJ, expositores de persoas emprendedoras, elección da Raíña e actividades infantís.

“Teremos de todo: gastronomía, expositores e actuacións musicais”, avanza Yéssica Álvarez, organizadora do evento, que destaca a alta participación que esta actividade acada ano tras ano. “É a Feira de toda Galicia. Conseguimos este espazo marabilloso que é o Campo da Feira, e aquí levamos 8 edicións seguidas. O ano pasado reunimos 4.000 persoas e este agardamos recibir aínda máis. Temos artistas como Miguel Moly, o rei do merengue venezolano, que realizará en Ourense a súa primeira actuación en Galicia. Tamén cada ano temos máis público de Ourense que se achega porque lles gusta esta festa, a música ou a gastronomía: haberá arepas, hallacas, cachapas, empanadas… Ademais teremos actividades durante toda a xornada”, asegura.