Aever presenta á nova directiva e as próximas campañas de dinamización

Esther Gómez substitúe a Santos Álvarez na presidencia da asociación.

A Asociación de Empresarios e Empresarias de Verín (Aever) presentou á súa nova directiva ao tempo das novas campañas de dinamización. Tras unha etapa de 10 anos ao fronte da asociación Santos Álvarez (presidente) e José Ángel Rodicio (xerente), xunto co resto da xunta directiva formada por 9 persoas en total, dan o paso a unha nova xunta directiva.
Dende a directiva e a xerencia saínte agradecen a confianza dos establecementos asociados e o compromiso coas diferentes actividades promovidas dende a asociación.
A nova xunta directiva, encabezada pola súa presidenta Esther Gómez, afronta con ilusión esta nova etapa, e igual que o resto dos asociados e asociadas mostra a súa gratitude cara a directiva anterior. Este novo equipo está formado maioritariamente por mulleres, e representa o carácter multisectorial da asociación. Na xerencia incorpórase unha nova profesional, Lucía Aparicio, que asumirá as funcións en materia de dinamización, xestión, representación institucional e atención aos asociados e asociadas.

Campaña
O Black Friday levarase a cabo en Verín os días 28 e 29 de novembro. Sortearanse 4 pasaportes de compra de 50 euros entre as persoas que rexistren as súas compras realizadas os días 28 e 29 nos establecementos adheridos á campaña.
Tamén entrará en marcha a campaña “Os 6000 de Verín” (do24 de novembro ao 24 de decembro, día do sorteo dos 19 cheques), no que se sortarán un cheque de 2000 euros e outro de 1000; dous de 500 euros; cinco de 200; e 10 de 100 euros.