Ata catro beléns estarán expostos en distintos emprazamentos. Teatro, música, mostras, obradoiros e iniciativas comerciais non faltarán na programación prevista.
Un dos momento máis familiares do ano xa está aquí e Verín quere que tanto veciños como visitantes sintan un momento único celebrando o Nadal neste concello. Por iso, coa involucración de entidades sociais, culturais, comerciais e desde o propio concello, organizan unha programación pensada para todo o mundo. Exposicións, música e actividades para os máis cativos sucederanse nestas datas.
Despois de varias actividades realizadas en días previos, a programación continúa con eventos como a presentación da obra “El arte de matar” (22 de decembro, ás 19:30 horas), organizada pola Biblioteca Municipal de Verín.
No ámbito escénico, o Auditorio Municipal acollerá o venres, 19 de decembro (20.00h), a Gala de Nadal Kotodama; trátase dunha proposta escénica para todos os públicos na que o alumnado infantil, adolescente e adulto amosará o traballo realizado ao longo do curso (entrada a 5 euros). O 23 de decembro, martes, ás 18:00 horas, representarase “A nena que quería navegar”, unha montaxe familiar que aborda o acoso escolar desde unha perspectiva sensible e esperanzadora. A obra combina teatro de obxectos, monicreques e proxeccións, ofrecendo unha experiencia visual e emocional pensada para o público infantil e adulto. O 28 de decembro, domingo, ás 20:00 horas, subirase ao escenario “Non Pasarán”, unha peza de marcado carácter contemporáneo que explora o medo, a polarización social e os límites éticos ante unha situación de emerxencia.
Dúas actuacións terá a Coral de Verín nestas datas: o luns, 22 de decembro, na Residencia de Anciáns Santa María, ás 10:00 h; e o Concerto de Reis que terá lugar o martes, 6 de xaneiro, na Igrexa da Mercé ás 20.00 horas.
A Sala de Exposicións Municipal inaugurará o 20 de decembro, ás 20:15 horas, a mostra “Alén do Lago” do fotógrafo Carlos Folgoso Sueiro, Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. A exposición, que permanecerá aberta ata o 31 de xaneiro, presenta unha viaxe visual pola Galicia máis profunda.
En materia deportiva, a Escola Municipal de Ximnasia Rítmica ofrecerá a súa tradicional gala este 20 de decembro, sábado, ás 11:30 horas, mentres que a área de Servizos Sociais -a través da OMIX- organizará unha nova edición de Ludonadal, activo do 22 de decembro ao 7 de xaneiro como servizo esencial de conciliación familiar.
A programación complétase cun obradoiro de creación de coroas florais de Nadal, organizado polo Concello o sábado, 20 de decembro, ás 16:00 horas no Pavillón Municipal de Deportes, en colaboración coas florarías locais da vila.
Por último, o 5 de xaneiro, luns, pola mañá os Reis Magos visitarán a Residencia de Anciáns Santa María, e pola tarde, ás 17:30 horas, celebrarase a tradicional Gran Cabalgata de Reis, con saída de San Lázaro e chegada ao Pavillón Municipal de Deportes, sempre condicionada polas condicións meteorolóxicas.
Lembrar que durante toda a campaña de Nadal, o Salón de Actos Casa da Cultura acollerá os seus fins de Semana de Cine, con sesións de estrea comercial cada venres, sábado e domingo.
Outros eventos
A programación de Nadal complétase cun conxunto diverso de actividades promovidas por entidades culturais, sociais, educativas e comerciais que, coa súa traxectoria e compromiso, contribúen a enriquecer o calendario festivo de Verín.
Aever, coa colaboración do Concello, volverá ser un dos grandes dinamizadores destas datas. A súa campaña comercial “Os 6.000 de Verín”, activa ata o 23 de decembro, busca incentivar as compras no comercio local mediante a entrega de papeletas nos establecementos adheridos, culminando co sorteo final o mércores, 24 de decembro, ante notario. Ademais, a asociación organizará tamén un pasarrúas musical o sábado 20 de decembro e celebrará a súa Gala de Nadal o domingo 4 de xaneiro, ás 18:00 horas.
A programación inclúe ademais citas destacadas doutras produtoras e institucións. O 27 de decembro, sábado, ás 18:30 horas, o Santuario de Vilamaior do Val será escenario do tradicional Concerto de Nadal, organizado pola Diócese de Ourense, coa colaboración do Concello de Verín e da Deputación de Ourense, reunindo á Real Banda de Gaitas, agrupacións locais e artistas convidados nun dos encontros musicais máis simbólicos e emotivos da campaña. Finalmente, o 2 de xaneiro, venres, ás 20:00 horas, Verín acollerá unha nova edición do 9ª Galicia Magic Fest.
Beléns
A tradición belenista mantén un protagonismo especial grazas ás entidades que, ano tras ano, sosteñen este patrimonio cultural. Ata o 6 de xaneiro, poderanse visitar o Belén da Viruca (Salón parroquial, de luns a venres: 17:00-19:00 h, festivos: 11:00-13:00 h e 17:00-19:00 h), coñecido polas súas figuras artesanais e escenas con temática galega; o Belén Mercedario, na igrexa da Mercé (de 10:30–13:00 h e 17:00–19:00 h), cunha das representacións clásicas máis completas da vila; o Belén do Hospital de Verín (vestíbulo principal do Hospital), destacado polo seu enfoque sostible con materiais reciclados; e o Belén da Residencia de Anciáns Santa María (asilo de Verín, de 10:00 a 12:30 h e 16:30 a 18:30 h), que conserva a tradición narrativa e estética dos pesebres máis populares. A este conxunto súmase a maqueta do Castelo de Monterrei de Antonio Justo, situada na rúa Maior e aberta ao público tamén ata o 6 de xaneiro, unha obra artesanal que recrea con minuciosidade un dos emblemas patrimoniais máis singulares da comarca.




