Anxo Varela “Pruden” e Lúa Lomo son os seus creadores.
Presentado o cartel do Entroido de Verín 2026, obra do estudo creativo Pruden Tattoo, formado por Anxo Varela “Pruden” e Lúa Lomo. O acto de presentación contou coa participación de Samanta Barreira, concelleira de Cultura, Turismo e Festexos, así como de Pruden (Anxo Varela) e Lúa Lomo, integrantes do proxecto creativo Pruden tattoo e autores do cartel.
Durante a súa intervención, a concelleira destacou o valor simbólico da obra e a súa conexión coa identidade local: «O Entroido de Verín é unha festa que se constrúe entre todas e todos, dende a tradición ata as novas formas de vivila. Este cartel reflicte esa pluralidade e esa maneira tan nosa de entender a celebración».
O proxecto parte dunha reflexión sobre o significado do Entroido para a veciñanza de Verín e da comarca, entendido como un tempo de encontro, celebración e identidade compartida. Tal e como explicaron as persoas creadoras, o fío condutor do cartel nace da idea de que Entroidos hai moitos, e moitas tamén as formas de vivilos, unha realidade especialmente presente en Verín.
A composición recolle diferentes figuras e elementos representativos da festa, dende os capuchóns ata a Raíña do Entroido, pasando polos compadres e por todas aquelas persoas que chegan doutros lugares para compartir estes días. O cartel preséntase así como un reflexo plural dun Entroido vivo, interxeracional e aberto.
A obra está realizada mediante ilustración dixital, cun equilibrio coidado entre cores vibrantes e referencias tradicionais, garantindo unha lectura clara tanto en formato impreso como dixital. «Buscamos un cartel no que todas as persoas puidesen sentirse representadas, porque o Entroido é unha festa colectiva», sinalaron Pruden e Lúa durante a presentación.
Pruden tattoo
Pruden tattoo é un proxecto creativo fundado en 2019 por Pruden (Anxo Varela) e Lúa Lomo. O seu percorrido comezou arredor da tatuaxe e foi evolucionando cara a un universo creativo máis amplo que inclúe ilustración, deseño, creación de contido e proxectos culturais. Na actualidade desenvolven unha tenda en liña de láminas, roupa e accesorios, así como o Choro Club, un espazo no que realizan obradoiros, tatuaxes e propostas artísticas diversas, ademais de traballar de maneira itinerante por distintos puntos de Europa.
Ao longo da súa traxectoria colaboraron con entidades e proxectos de recoñecido prestixio, como a tenda de deseño da Bauhaus en Dessau, o xornal francés Le Monde, eventos musicais como o Festigal 2023, a promoción do filme Amor de Madre de Netflix, así como murais, portadas de discos, menús de restaurantes e deseños para diferentes marcas.




