O festival propón unha reflexión arredor da liberdade.
O xurado do Festival Internacional de Xardíns de Allariz reuniuse para seleccionar os proxectos que formarán parte da edición 2026 do evento, que terá como lema “Xardíns da Liberdade”.
Nesta nova edición, o festival propón unha reflexión arredor da liberdade nas súas múltiples dimensións —a da natureza, a das persoas e a da sociedade— e sobre o papel dos xardíns como espazos de creación, resistencia, encontro e expresión contemporánea. A convocatoria espertou, como cada ano, un notable interese internacional, con propostas procedentes doutras comunidades do Estado e de diversos países de Europa, América e África, ademais de galegas.
Do total das 57 propostas presentadas, procedentes de países como España, Portugal, Austria, Suecia, Italia, Países Baixos, Croacia, Bosnia e Hercegovina, México, Colombia, Chile, Costa Rica, Cuba, Honduras, Arxentina, Sudáfrica e Estados Unidos de América, o xurado seleccionou nove proxectos que formarán parte da exposición.
Xardíns
Os xardíns seleccionados son: Ék-tasis, de Portugal; TIME OUT – Free yourself from the digital, de Austria; Hortus Captivus, de Italia; The garden of floral disobedience, de Sudáfrica e Países Baixos; Libre albedrío, de Colombia e Chile; Umbrales y refugio de libertad, de México e Barcelona; Bam-Boom, de Murcia; Liberar poñendo límites, de Madrid; e Xardín Crisálida, da Coruña.
Así mesmo, o xurado acordou establecer tres proxectos suplentes, por esta orde: Caminos a la libertad, Aires de libertad e Halo, todos eles de Madrid.
Ademais, o xurado decidiu outorgar unha mención especial ao proxecto O xardín das delicias, procedente da Unidade Hospitalaria de Rehabilitación Psiquiátrica do Hospital Piñor de Ourense. Aínda que non foi escollido para formar parte da exposición, o xurado valorou moi positivamente a súa participación na convocatoria e quixo agradecer de maneira especial o seu compromiso e achega ao concurso.
A 16ª edición do festival abrirá as súas portas ao público no mes de maio de 2026 e permanecerá aberta ata finais de outubro.




