O 112 Galicia incide na importancia de autoprotexerse para previr riscos no inverno.
Os primeiros días do ano deixaron en Galicia frío, vento e neve, que xeraron condicións perigosas tanto nas estradas como nas zonas rurais e urbanas. As baixas temperaturas poden xerar situacións de risco como a formación de xeo nas estradas e a sensación de frío extremo.
Todo isto implica riscos tanto para os que se desplacen polas estradas como para as persoas que permanezan ao aire libre ou que utilicen sistemas de calefacción nas súas vivendas. Estes condicionantes esixen que a cidadanía adopte medidas de autoprotección. Fronte a estas circunstancias, o 112 Galicia emitiu unha serie de recomendacións para asegurar a seguridade dos cidadáns durante os temporais que se prevén neste inverno. Recordar que no 112 Galicia se traballa as 24 horas do día para xestionar situacións de emerxencia que xa se produciron, mais o ideal é que unha emerxencia non chegue a suceder.
Riscos nas estradas
A presenza de neve, xeo e a acumulación de auga nas estradas son factores que poden transformar os tramos de vías galegas en áreas moi perigosas para a circulación. Se se producen fortes nevadas, as estradas do interior e as zonas montañosas poden quedar rapidamente cubertas, afectando tanto aos vehículos como aos peóns. A condución suave e cos cinco sentidos postos na mesma é máis necesario se cabe nesta época do ano.
O 112 Galicia recomenda que os condutores e viaxeiros adopten precaucións como evitar viaxes innecesarias cando as condicións meteorolóxicas sexan adversas; reducir a velocidade e manter unha distancia de seguridade maior; comprobar o estado do vehículo (pneumáticos, batería, freos) antes de emprender unha viaxe; levar un kit de emerxencia con auga, comida non perecedoira, mantas e unha lanterna, cargador de batería de móbil por se se precisa pasar tempo agardando na estrada.
Revisar tamén o nivel de líquido anticonxelante, o estado das gomas do limpaparabrisas e o funcionamento de todas as luces é outra das medidas a ter en conta. E, se vas circular por zonas de montaña, é obrigatorio levar cadeas (e saber poñelas) ou pneumáticos de inverno.
Para non levarse disgustos coas placas de xeo (pouco visibles) debemos extremar a precaución durante as primeiras horas da mañá e pola noite en zonas de sombra onde non dá o sol.
Con chuvia, neve ou xeo, aumentar a distancia de seguridade co vehículo de diante xa que a freada aumenta de xeito considerable.
Marchas longas ao arrincar para que as rodas non patinen e curtas para baixar pendentes e usar o freo o mínimo son outras da medidas a adoitar.
No caso das zonas anegadas, o mellor é dar a volta e buscar unha ruta alternativa.
Temperaturas extremas
A chegada das baixas temperaturas no inverno en Galicia tamén supón un risco para a saúde, especialmente para aquelas persoas que se expoñen ao frío por tempo prolongado, sen a protección adecuada.
O 112 Galicia, para esta situación, insiste en que se vista en capas e usar roupa térmica, guantes, gorros e bufandas para manter o corpo quente; evitar a exposición prolongada ao frío e procurar refuxio en lugares cubertos se as condicións empeoran.
Para quen queira facer rutas de sendeirismo debe actuar con “sentidiño” e tomar unha serie de medidas como que a ruta remate horas antes de que se faga de noite; comunicar a alguén que ruta vas facer e cando pensas rematala; e levar o móbil totalmente cargado -incluso contar cunha batería externa-, pois en caso de problema será o único medio co que te poidas comunicar.
Seguridade
Con ventos fortes, afastarse de cornixas, muros vellos, valos publicitarios ou árbores, e alonxarse do litoral son normas básicas. Na túa vivenda, retira de fiestras, balcóns e teitos calquera obxecto susceptible de caer á rúa (macetas, mobles de xardín, tendais ou antenas soltas). Pecha ben portas e xanelas para evitar correntes de aire que poidan romper cristais.
Ademais, antes de que chova é recomendable limpar os canlóns e os desaugadoiros para evitar filtracións e asolagamentos domésticos. Retirar obxectos de valor, documentos e produtos tóxicos dos sotos e garaxes, levándoos a pisos superiores se se vive nunha zona inundable.
Calefacción
Nestes meses, o uso de calefacción é fundamental para manter os fogares a unha temperatura confortable, pero tamén pode representar un risco se non se manexa adecuadamente. A calefacción deficiente ou a utilización incorrecta de sistemas a gas pode causar intoxicacións por monóxido de carbono, un gas perigoso e inodoro.
Para un uso seguro da calefacción as recomendacións pasan por revisar os seus sistemas (radiadores, estufas, caldeiras e chemineas) para garantir que non haxa fugas de gas ou fallos nos dispositivos; evitar o uso de calefactores a gas ou braseiros en espazos pechados sen ventilación, xa que poden acumular monóxido de carbono no aire; e manter as estufas e radiadores afastados de materiais inflamables (establecer un perímetro de seguridade arredor de calquera fonte de calor pode salvarnos dun gran susto); e a regra de ouro: nunca deixalos acendidos sen vixilancia (se imos durmir ou temos que saír da casa, ten que quedar totalmente apagado).
Perigo invisible
Unha mala combustión en caldeiras, estufas de gas, lareiras ou nos tradicionais braseiros pode producir monóxido de carbono. Os síntomas de inhalación moitas veces confúndense cunha gripe ou cansazo, e maniféstanse en forma de dor de cabeza, mareos, debilidade, náuseas e unha forte somnolencia. A solución é ventilar, xa que fai que se renove o aire nas estancias; tampouco se debe taponar as reixas de ventilación. Ao mínimo síntoma abrir as ventás e saír ao exterior é o máis intelixente.
Consellos do 112
O servizo de emerxencias insta aos galegos a estar atentos ás alertas meteorolóxicas e a tomar precaucións adicionais se se atopan en situacións de risco.
Desde emerxencias lembran que durante o inverno é fundamental estar ben preparado e actuar con precaución no caso de ter que saír de casa, insistindo na importancia de manterse sempre informado sobre a situación do tempo. Ademais, subliñan que, ante calquera emerxencia, a cidadanía debe contactar sen demora co servizo de emerxencias 112.
É fundamental estar pendentes dos nosos maiores, sobre todo se viven sos. Debemos asegurarnos de que teñen a casa a unha temperatura adecuada, que se alimentan ben e que non corren riscos cos sistemas de calefacción.




