O Entroido de Verín estrea do Xantar do Capuchón

Superará as 165 horas de música en directo.

O Concello de Verín presenta o Entroido 2026, coma unha edición que aposta con forza por unha celebración vivida nas rúas durante o día, a participación popular, a recuperación das figuras tradicionais e o compoñente gastronómico propio destes tradicionais festexos, incorporando como principal novidade o Xantar do Capuchón, unha iniciativa pensada para poñer en valor unha das figuras máis identitarias da festa.

A programación do Entroido de Verín 2026 desenvolverase entre o xoves, 5 de febreiro, de Compadres e o martes de Entroido,17 de febreiro, cun calendario intenso e diverso que converterá a vila nun escenario festivo permanente (5, 7, 8, 12, 13, 14, 15, 16 e 17 de febreiro). En total, o programa suma máis de 165 horas de música en directo e 56 actuacións, entre charangas, grupos, orquestras, animacións itinerantes e actuacións en espazos centrais como a Praza García Barbón e distintas rúas do casco urbano.

No eido musical, o Entroido de Verín 2026 contará cunha destacada presenza de orquestras e grupos de referencia, que protagonizarán as grandes noites festivas na Praza García Barbón. Formacións como Miramar, Marbella, La Oca Band, Alkar, Triunfo, La Banda de Ayer, Grupo América ou Magos, xunto a actuacións como Pappaquino ou sesións de DJ e discos móbiles, conforman unha programación variada que combinará diferentes estilos e propostas para públicos diversos ao longo de toda a semana do Entroido.

Xunto a elas, as charangas terán un papel fundamental como alma sonora da festa, acompañando desfiles, sesións vermú e animacións itinerantes desde a mañá ata a noite. Agrupacións como Los Támega, Noroeste, Vakapinta, TDB, Airiños do Cereixo, Os Kokakolas, Xuntanza, Como Queiras Band ou Jalácticos, entre outras, garantirán unha presenza constante de música nas rúas, reforzando o carácter participativo e popular do Entroido e mantendo vivo o ambiente festivo en cada recuncho da vila.

Xantar do Capuchón
Como importante novidade está o Xantar do Capuchón, que terá lugar o sábado 8 de febrero desde a mañá. Esta iniciativa nace co obxectivo de potenciar a convivencia, a participación veciñal e o Entroido de día, tomando a figura do tradicional Capuchón como elemento central da celebración. A iniciativa complétase cunha programación continuada de música, animación e ambiente festivo ao longo de toda a xornada, convertendo o centro da vila nun espazo de encontro e celebración colectiva desde as primeiras horas do día.

O xantar celebrarase no Pavillón de Deportes, cun prezo de 28 euros. A asistencia será gratuíta para menores de 6 anos, sendo imprescindible retirar o correspondente ticket. A venda de entradas realizarase no Pavillón de Deportes, en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 19:00 a 21:00 horas.

Xunto a esta nova aposta polo Entroido de día, o programa mantén as citas máis emblemáticas da celebración, como o xuízo e queima do Maragato no xoves de Compadres, o Domingo de Corredoiro, o Desfile Infantil de Comadres, o día de compadreo e os grandes desfiles do domingo e do martes de Entroido; así como unha ampla oferta musical nocturna e propostas específicas para público familiar e infantil, especialmente na xornada do luns de Entroido.

Xunto a estas citas, o Domingo de Corredoiro contará tamén cun momento especialmente emotivo coa celebración da Vaquerada – Homenaxe a Toño Torcuato “O Cesteiro”, último vaqueiro de Verín. A homenaxe, organizada polas súas amizades, terá lugar na tarde do domingo, cunha concentración de vaqueiros ás 18:00 horas na rúa Montemaior, seguida dun pasarrúas ata a Praza Maior, acompañados dunha charanga, e culminará cun acto de homenaxe ás 19:00 horas, a cargo de Xosé Carlos Caneiro e Manolo Cazoleiro. Desde a organización do evento anímase á participación acudindo vestidos de vaqueiros, indios ou cabalos, reforzando así o carácter simbólico e colectivo do acto.

Programación

Xoves de Compadres · 5 de febreiro
24:00 h Percorrido dos compadres e xuízo e queima do Maragato (Rúas de Verín / Praza García Barbón)
24:00 h Charanga Los Támega (Praza García Barbón)
01:00–03:00 h Enjoy Eventos (Praza García Barbón)

Sábado do Capuchón · 7 de febreiro
12:30 h Sesión vermú Charanga Los Támega (Praza García Barbón)
14:30 h Xantar do Capuchón (Pavillón de Deportes)
17:00 h Animación musical Los Támega (Rúa Irmáns Moreno – Rúa Montemaior)

Domingo de Corredoiro · 8 de febreiro
11:30–14:00 h · Charangas Los Támega, Noroeste, Airiños do Cereixo (rúas de Verín)
12:30 h · Actuación de A Gramola (Praza da Alameda)
13:30 h · Pregón do Entroido (Praza García Barbón)
17:00–19:00 h · A Gramola (Praza da Alameda)
18:00 h · Vaquerada – Homenaxe a Toño Torcuato “O Cesteiro”, último vaqueiro de Verín: concentración de vaqueiros (Rúa Montemaior)
18:30 h · Pasarrúas da Vaquerada ata a Praza Maior, acompañados de charanga
19:00 h · Acto de homenaxe, a cargo de Xosé Carlos Caneiro e Manolo Cazoleiro (Praza Maior)
19:00–22:00 h · Orquestra Salsarena (Praza García Barbón)

Xoves de Comadres · 12 de febreiro
11:45 h Desfile Infantil de Entroido (Rúas Deputación, Luís Espada e Lisa)
23:00 h Enjoy Eventos + A Gramola (Praza García Barbón)
01:00–04:00 h Orquestra Marbella (Praza García Barbón)

Venres de Compadreo · 13 de febreiro
19:00 h Carrada do compadreo con Festicultores Troupe (Barrio de San Lázaro – Rúa Irmáns Moreno)
20:00 h Disco Móbil Space (Rúa Irmáns Moreno)
00:30–03:30 h Orquestra Miramar (Praza García Barbón)

Sábado de Entroido · 14 de febreiro
11:30–14:00 h Charangas Jalácticos e Airiños do Cereixo (Rúas de Verín)
12:30 h Concerto vermú Somoza Trío (Praza García Barbón)
17:00–22:00 h Circuíto de charangas (Montemaior, Lisa, Cruz, Praza do Cigarrón e Praza García Barbón)
18:30–19:30 h Pappaquino (Praza García Barbón)
20:00–23:00 h La Oca Band (Praza García Barbón)
00:30–03:30 h Alkar (Praza García Barbón)

Domingo de Entroido · 15 de febreiro
12:00 h Gran desfile matinal (Rúas de Verín)
19:00–22:00 h Orquestra Triunfo (Praza García Barbón)
00:30–03:30 h La Banda de Ayer (Praza García Barbón)

Luns de Entroido · 16 de febreiro
11:30–14:00 h Charangas Xuntanza e Os Kokakolas (Rúas de Verín)
17:00–20:00 h Entroido Infantil (Pavillón Municipal de Deportes)
17:00–20:30 h Disco Móbil Mono (Praza García Barbón)
20:30–22:00 h e 00:30–02:00 h JB Son (Praza García Barbón)

Martes de Entroido · 17 de febreiro
16:30 h Derradeiro desfile (Rúas de Verín)
19:00–22:00 h Grupo América (Praza García Barbón)
00:30–03:30 h Magos (Praza García Barbón)