Celebrarase do 2 ao 5 de abril.
A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, e a concelleira de Promoción Económica, María López, presentaron a programación da Semana Santa ao Vivo 2026. Do 2 ao 5 de abril, Allariz volve converter o seu centro histórico nun fervedoiro de actividade, apostando por unha proposta onde a música de rúa, o teatro infantil e o contacto coa natureza son os grandes protagonistas.
Durante a presentación, destacouse que esta iniciativa busca ofrecer lecer á veciñanza, e dinamizar a localidade durante os días festivos. O paseo polas rúas estará acompañado por unha banda sonora constante con dous pases diarios, de mañá e de tarde. Para garantir o movemento constante por todo o centro histórico, un total de tres grupos repartiranse cada xornada para poñerlle ritmo ás rúas. Entre os artistas confirmados para estes catro días están Amorodous, Arroxó, Erik Lepeich, Os Dous Porquinhos, SoLaSoL, Denis Carballás e Noite Son.
As familias tamén teñen unha cita marcada na Praza de Abaixo. O venres día 3, a partir das 17:30h, Inma Soto contará as súas historias na «Sinfonía de contos», mentres que o sábado á mesma hora será a quenda de Teatro Ghazafelhos co espectáculo «Contamos contos de lobos?».
Para quen busque sabores auténticos, o Mercado da Reserva da Biosfera abrirá as súas portas na Praza do Matadoiro as mañás do venres 3 e do sábado 4 de abril, ofrecendo o mellor dos e das produtoras da terra.
Pero a oferta de Allariz non se queda só no centro urbano. A programación de 2026 pon moito foco en descubrir o patrimonio máis agochado. Haberá visitas guiadas polo centro histórico as mañás do xoves, venres e sábado, e roteiros arqueolóxicos pola zona de Armea e Augas Santas durante a fin de semana. Ademais, o Ecoespazo do Rexo abre as súas portas con visitas á granxa e á queixería en diferentes horarios dende o mércores ata o domingo. Para participar nestas actividades, cómpre reservar praza a través de Xeitura (turismo@xeitura.com ou 609 474 976).
Como complemento, os museos de Allariz —Moda, Xoguete e Coiro— amplían os seus horarios de apertura, e a Asociación A.N.D.R.E.A. mantén as súas visitas dominicais para coñecer de preto o seu labor.





