A obra realizouse grazas ao Fondo de Cooperación da Xunta.
Despois de varios meses remataron as obras da rúa Castor Elices, de Celanova. O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, desprazouse ata a vila de San Rosendo para, acompañado do alcalde, Antonio Puga, comprobar o resultado das obras para a urbanización a rúa Castor Elices, levadas a cabo grazas a un préstamo da Consellería Vivenda e Planificación de Infraestruturas de 464.000 euros procedente do Fondo de Cooperación da Xunta para actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído, que se destina a municipios de menos de 50.000 habitantes.
Actuacións
A actuación que se desenvolveu nesta infraestrutura viaria tivo como obxectivos a optimización da accesibilidade, a mellora e ampliación das beirarrúas renovando todas as instalacións (iluminación pública, saneamento, abastecemento, comunicacións, baixa tensión, e gas), así como a organización do tráfico, mellorando as zonas de aparcamentos e limitando a velocidade nun vial que, coa posta en funcionamento da autovía AG-31, viu multiplicado a densidade do tráfico de vehículos nos últimos anos, e a mellora da estética da capitalidade do concello de Celanova.
O delegado territorial aproveitou a súa estadía no municipio para lembrar que abriuse o prazo ata o 15 de outubro para que os concellos poidan solicitar os préstamos deste Fondo de Cooperación así como os destinados ao financiamento da promoción de vivenda protexida de nova construción, co dobre obxectivo de axudar a financiar a mellora de equipamentos municipais e sumar esforzos para facilitar o acceso á vivenda.
Manuel Pardo concretou que, no atinxe ao Fondo de Cooperación para financiar obras de rehabilitación en municipios de menos de 50.000 habitantes, está dotado con algo máis de 3 millóns de euros para este ano. Trátase de préstamos sen xuros que os concellos poden devolver no prazo máximo de 8 anos. Así mesmo, con cargo a este financiamento, os municipios poden acometer obras de conservación de inmobles da súa titularidade, adquirir outros novos para recuperalos ou mesmo urbanizar novos viarios previstos no planeamento municipal.
Por outra banda, o representante do Goberno galego explicou que o fondo de co0operación cos concellos para o financiamento da promoción de vivenda protexida de nova construción conta cunha dotación de máis de 8,6 millóns para este 2026, podendo acceder os concellos a préstamos sen xuros, a devolver tamén no prazo máximo de 8 anos. Nesta liña, subliñou que os municipios poderán destinar este financiamento á promoción de vivenda protexida de nova construción, directamente ou a través doutros promotores. Tamén poderán acometer actuacións de urbanización para acadar solo e crear parcelas para a edificación ou adquirir solo para construír inmobles protexidas.





