Será este venres, 17 de abril.
A etapa raíña de OGC 26 será a de Ourense, entre Xinzo e Xunqueira de Espadanedo, protagonizada pola montaña e a loita épica entre corredores e cun final inédito no ciclismo profesional.
O Gran Camiño arrancará en Xinzo de Limia ao redor das 11:50 horas, marcando o inicio dunha espectacular e esixente ruta de montaña que atravesará boa parte da provincia de Ourense.
Tras a súa saída en Xinzo, o pelotón porá rumbo cara a Allariz pola N-525, continuando o seu percorrido por concellos como Celanova, Barbadás, Ourense, Nogueira de Ramuín, Xunqueira de Espadanedo e Maceda. A meta estará situada no alto de Cabeza de Meda, onde está prevista a chegada dos corredores pasadas as 15:30 horas aproximadamente.
Afeccións ao tráfico en Xinzo
Para garantir a correcta organización, a seguridade dos ciclistas e a montaxe de toda a infraestrutura de saída, o Concello de Xinzo de Limia informa de restricións importantes na contorna. Así, a rúa Dous de Maio permanecerá pechada ao tráfico e estará totalmente prohibido aparcar na mesma desde o xoves ás 18:00 horas ata o venres pasadas as 12:30 horas. Poderase empregar a conexión entre as rúas Ladeira e Toural ata as 07:00 horas do venres, momento no que o peche será total.
Ademais destas medidas locais, a organización da proba e a Garda Civil de Tráfico realizarán cortes puntuais e dinámicos duns 30 minutos nas distintas estradas do municipio ao paso dos ciclistas para garantir a seguridade da carreira.
Cortes en Ourense
A Policía Local do Concello de Ourense informa do dispositivo especial de tráfico deseñado para o paso pola cidade da carreira ciclista «O Gran Camiño».
Itinerario. A carreira entrará en Ourense desde Barbadás pola Avenida de Celanova e continuará pola glorieta de acceso á Valenzá, rúa Marcelo Macías, rúa do Progreso, Praza de Concepción Arenal, Pardo de Cela, glorieta do Nexus e N-120 (Avenida da Ribeira Sacra) en sentido Monforte.
Horario. O corte de tráfico farase efectivo desde as 12.30 horas ata que remate o paso da carreira e os vehículos oficiais. Dado que o percorrido afecta ás principais arterias da cidade (eixo Progreso – Pardo de Cela – N-120), solicítase á cidadanía que evite acceder a estas zonas, que utilice itinerarios alternativos e preste especial atención á sinalización circunstancial e ás indicacións dos axentes. A Policía Local agradece de antemán a colaboración cidadá para asegurar o éxito e a seguridade desta proba deportiva.
Itinerarios alternativos recomendados:
– Sector Sur: O fluxo canalizarase pola N-525, continuando pola rúa Ponte Sevilla cara á Avenida de Zamora. Na glorieta, os condutores poderán optar por Nosa Señora da Saínza ou continuar ata a rúa Coruña.
– Restrición: a rúa Coruña terá sentido exclusivamente ascendente, non se poderá acceder desde ela a Progreso.
– Sector Norte e intermodal: Entrada operativa pola N-525 a través da Glorieta de Ervedelo (O Couto). Para o barrio da Ponte, acceso pola Ponte do Milenio cara a Basilio Álvarez ou Xesús Pousa, cruzando a Ponte Nova cara a Curros Enríquez. Desde a glorieta da Policía Nacional habilitarase o tránsito cara a Celso Emilio Ferreiro.
– Restrición: Non se permitirá circular pola rúa Curros Enríquez nin pola rúa Sáenz Díez en dirección á Praza de Concepción Arenal.





