Galicia e Portugal celebran a Revolución dos Caraveis

Coa presentación da 13ª Colectánea Internacional.

Coincidindo coa emblemática data da Revolución dos Caraveis, o 25 de abril, Galicia e Portugal demostraron a súa fonda unión cultural nun acto celebrado no Porto, no incomparable marco da Quinta do Vieira.

O evento acolleu a presentación da 13ª Colectánea Internacional, titulada Entre o soño e a realidade, unha obra que reúne a 50 escritores e escritoras de ambos países. A publicación está coordinada pola profesora, poeta, escritora e activista cultural portuguesa Graça Amiguinho, e editada por Avelino Jácome, a través do selo Andrómena Senlleira, pertencente a Orixe Publicidade e Comunicación.

A xornada contou con máis de 60 asistentes e reuniu a numerosos autores galegos e portugueses, así como representantes do ámbito cultural. Destacou a presenza de integrantes do movemento cultural Nós, A Xente do Redor, consolidando así unha ponte viva entre ambas beiras do Miño. Nun ambiente de irmandade, palabra e emoción, o acto reafirmou a forza da cultura como espazo común de encontro, diálogo e creación compartida entre Galicia e Portugal. A celebración completouse cunha programación que puxo en valor a riqueza artística lusófona, nun día que quedará na memoria como exemplo de cooperación e sentimento compartido.

Galicia e Portugal, unidas sempre pola lingua, a cultura e a emoción.