Na rúa o novo número de Barrios.
O número 258 do periódico Barrios chega marcado pola programación estival, con especial protagonismo para os grandes eventos culturais, a mellora de infraestruturas e diversas actuacións de modernización na provincia de Ourense.
Na portada destaca a información sobre a eclipse solar do 12 de agosto, para a que o Concello de Ourense organizará unha observación pública con todas as garantías de seguridade, así como a culminación do proxecto de dixitalización do ciclo integral da auga, financiado a través do PERTE da Auga, que incorpora telelectura, control intelixente da rede e novas medidas de sustentabilidade.
Entre os temas máis relevantes figura tamén a entrevista a Nixon, líder de Reservados Band, un grupo que combina a profesión de camareiro coa música en directo, convertendo o servizo de hostalaría nunha experiencia artística. Ademais, anuncian a chegada do seu primeiro álbum de estudo, Dereito de admisión.
No ámbito da provincia sobresae a XIX Feira do Viño de Monterrei, que se celebrará do 7 ao 9 de agosto en Verín cun amplo programa de catas, gastronomía, actividades familiares e concertos de SÉS, Miriam Rodríguez e Lucía Pérez. Tamén se informa da ampliación do parque acuático de Monterrei, que incorpora novas atraccións e permanecerá aberto ata mediados de setembro.
Outro dos grandes protagonistas son as 41ª Xornadas de Folclore da Deputación de Ourense, que reunirán 178 artistas procedentes de Armenia, Ecuador, Kenia, México, Serbia e Taiwán. As actuacións chegarán a dezaseis concellos da provincia, reforzando a proxección internacional deste festival.
Na cidade de Ourense, ademais da actividade prevista para observar a eclipse solar, destaca a finalización da transformación dixital da xestión da auga, citada anteriormente, cun investimento de 4,5 millóns de euros, así como información sobre o panorama político de cara ás eleccións municipais de 2027 e a celebración dun campamento urbano para a mocidade.
En Xinzo de Limia anúnciase unha edición histórica da Festa do Esquecemento, que contará con 54 grupos participantes e máis de medio cento de actividades. O periódico tamén recolle a inauguración da renovada travesía da N-525, a promoción do uso da bicicleta como medio de transporte sostible e o éxito do Festival Internacional de Bandas de Gaitas.
As informacións de Celanova e Allariz poñen o foco na intensa programación cultural do mes de agosto. Allariz acollerá a novena edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Comedia RiR, mentres que Celanova ofrecerá concertos, festivais, mercados, actividades familiares e unha nova edición do Folión Castrexo, recreación histórica do pacto entre os coelerni e as tropas romanas.
Por último, a sección de Sociedade presenta o novo Camiño do Litoral, unha ruta de máis de 1.300 quilómetros que une Ribadeo coa Guarda atravesando 78 concellos costeiros. O proxecto pretende impulsar un turismo sostible, poñendo en valor a riqueza paisaxística, cultural e gastronómica do litoral galego mediante unha ruta apoiada por unha aplicación móbil con información práctica para os usuarios.
Se queres ver ou consultar o periódico pincha neste enlace. Pincha





