A celebración da 64ª Festa do Pulpo pon o broche de ouro a 21 días de programación cultural e lúdica nos que O Carballiño recibiu a milleiros de persoas.
A celebración da 64ª Festa do Pulpo do Carballiño puxo o broche de ouro a 21 días de programación cultural e lúdica, nos que pasaron pola vila milleiros de persoas que desfrutaron de concertos, teatro, actividades infantís e citas tan especiais como a elaboración da tapa de pulpo máis grande do mundo ou a Festa das Camisetas. Desde primeiras horas desta mañá, o Parque Municipal e as principais rúas do Carballiño enchéronse de visitantes que querían degustar a xoia gastronómica: o pulpo á feira. De feito, ao longo da xornada cocéronse máis de 50 toneladas de pulpo.
José Castro-Gil, alcalde en funcións do Carballiño, e Manuel Dacal, concelleiro de Turismo, destacaron o éxito de participación da Festa do Pulpo, que cada ano recibe a máis visitantes chegados desde diferentes partes do mundo. No acto inaugural, Castro-Gil recordou que “O Carballiño é a vosa casa” e agradeceu a presenza de amizades de Lanzarote, Noventa Padovana (Italia), Mogán e Sevilla. Pola súa parte, Dacal puxo en valor o “gran traballo” das pulpeiras e pulpeiros, que manteñen a tradición gastronómica xeración tras xeración. “Grazas ao traballo de todos eles, hoxe veñen a visitarnos milleiros de persoas”, resaltou. Dacal tamén se referiu ao importante recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional, acadado en 2022.
A xornada, como é habitual, reuniu gastronomía, artesanía, música e tradición no Parque Municipal. O entorno do palco da música acolleu o Festival Folclórico de Música e Danza Tradicional, onde actuaron Oviravai, Pataghullos e Ardentía. Ademais, Feitizo de Pau, Os Serandeiros, Feixoada e a Banda de Gaitas Os Catro Ventos ambientaron as tabernas e zonas de comida. Este ano, por primeira vez, o Concello habilitou unha zona pública de mesas e bancos.
Festa da Xuventude
Por outra banda, nas Barcias celebrouse a Festa da Xuventude, onde se reuniron milleiros de persoas para desfrutar coa música de DJ Ballesteros, a discomóbil galega A Gramola, Codeso, Saúl Gallego, Nico Batea, Diego Valeiras, Rivero, Aitor Alfonsín, Javii, Ivi Bralo, Dúo y Medio, Dris, Sergito, De Melo e Mencler.
O Concello do Carballiño destaca a multitudinaria asistencia á Festa da Xuventude, trasladada este ano ás Barcias por razóns de seguridade ante o importante crecemento da asistencia e as limitacións que presentaba o emprazamento habitual.
A participación masiva fixo necesario un importante operativo de seguridade, que contou con axentes de Policía Local, Garda Civil, Protección Civil, Bombeiros e servizos de emerxencia municipais e sanitarios.
A asistencia miles de persoas a esta cita, sobre todo, rapaces e rapazas novas, e o traslado a este novo espazo, as Barcias, supón un desafío para o Concello en materia de seguridade, polo que de cara á proxima edición da Festa do Pulpo avaliará novas medidas de seguridade, ademais da ampliación das existentes. En calquera caso, seguirá apelando á responsabilidade individual de cada persona para evitar poñerse en risco ou poñer a outras persoas con comportamentos inapropiados, motivados en ocasións como resultado do consumo alcol.





