O Concello de Ourense inicia a humanización integral da Lonia cun investimento de máis de 850.000 euros

A actuación renovará as redes de saneamento, abastecemento, iluminación e telecomunicacións e dará maior protagonismo aos peóns.

O Concello de Ourense iniciou as obras de humanización integral do núcleo da Lonia, unha actuación cun orzamento de licitación de 852.821 euros que permitirá renovar as principais infraestruturas e transformar o espazo público desta zona rural da cidade.

Os traballos contemplan a renovación integral das redes de saneamento e abastecemento, a baixa tensión, o alumeado público e as telecomunicacións, ademais da mellora e pavimentación dos diferentes espazos, adaptándoos ás características das rúas do núcleo.

Un dos principais obxectivos da intervención é revitalizar a Lonia e mellorar os seus espazos de convivencia, creando zonas de reunión veciñal e reducindo o protagonismo que ata agora tiñan o tráfico e o estacionamento. A actuación apostará así por dar maior prioridade aos peóns e por resolver a falta de continuidade existente entre intervencións realizadas anteriormente.

A renovación das redes incluirá a substitución das actuais canalizacións de fibrocemento por fundición dúctil no abastecemento, a renovación do saneamento e o soterramento das liñas de telefonía. Tamén se actuará sobre o alumeado público.

No relativo aos pavimentos, o proxecto busca manter unha plataforma única e unha estética acorde co carácter do núcleo rural. Esta solución permitirá compatibilizar o tránsito peonil co tráfico rodado nunhas rúas estreitas nas que o espazo dispoñible é limitado.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, asistiu, xunto ao concelleiro de Obras Públicas, Francisco Lorenzo, ao inicio dos traballos e destacou a importancia dun investimento que, segundo sinalou, era agardado desde hai tempo pola veciñanza.

As obras serán executadas pola empresa ourensá Coviastec, S.L. e contan cun financiamento municipal superior aos 800.000 euros, ao que se suma unha achega de 4.500 euros da Deputación Provincial de Ourense a través do Programa especial de cooperación ás obras promovidas polo Concello de Ourense 2025-2026. O prazo de execución previsto é de seis meses.

O Concello enmarca esta actuación no inicio dunha nova batería de obras na cidade. A humanización da Lonia constitúe, segundo avanzou o concelleiro de Obras Públicas, a primeira destas intervencións.