O Carballiño acollerá un torneo de tenis de mesa aberto a todas as idades e niveis

A actividade, impulsada polo Club Ourense Tenis de Mesa en colaboración coa Deputación de Ourense, celebrarase o venres 11 de setembro a partir das 16.30 horas.

O pavillón Paco Chao do Carballiño converterase o vindeiro venres 11 de setembro no escenario dun torneo de tenis de mesa aberto a persoas de todas as idades e niveis. A iniciativa está impulsada polo Club Ourense Tenis de Mesa, en colaboración coa Deputación de Ourense e co apoio do Concello do Carballiño, e ten como obxectivo achegar esta disciplina deportiva tanto aos máis pequenos como aos maiores.

A competición dará comezo ás 16.30 horas e estará dividida en dúas categorías: sub-16, para participantes nados no ano 2011 e posteriores, e absoluta, para aqueles nados antes de 2011. A idade mínima para participar será de oito anos.

“Animamos a que todas as persoas interesadas se anoten, vai ser unha xornada deportiva moi divertida”, sinala José Castro-Gil, alcalde en funcións do Carballiño, quen destaca o compromiso do Concello coa promoción da actividade física e deportiva no municipio.

O presidente do Club Ourense Tenis de Mesa, Jorge Gamazo, explica que haberá trofeos para os catro primeiros clasificados de cada categoría, mentres que todos os participantes da categoría sub-16 recibirán unha medalla. Ademais, os xogadores e xogadoras participantes recibirán agasallos e disporán de froita e auga ao longo de toda a xornada.

As inscricións son gratuítas e xa están abertas e poden formalizarse no Concello do Carballiño, a través do teléfono 667 412 636 ou mediante o correo electrónico ourensetenisdemesa@gmail.com.