O tenis de mesa chega a Celanova

O pavillón polideportivo Pedra da Moa acolle o torneo de verán.

Celanova acollerá o mércores, 9 de setembro, un torneo de verán de tenis de mesa. O pavillón polideportivo Pedra da Moa conta con esta iniciativa incluída nas xornadas de fomento deportivo organizadas polo Club Ourense Tenis de Mesa, en colaboración co Concello de Celanova e no marco do programa de promoción deportiva impulsado pola Deputación de Ourense.

A actividade nace co obxectivo de achegar o tenis de mesa federado á veciñanza, especialmente entre os máis novos, e contribuír á dinamización da actividade deportiva no municipio durante os meses de verán. “É unha cuestión lúdica, para que a xente coñeza o tenis de mesa federado e que o pase ben”, explicou Jorge Gamazo Vázquez, coordinador do evento, durante a presentación do torneo.
No acto tamén participaron o técnico municipal de Deportes, Ángel Mociño, e o alcalde de Celanova, Antonio Puga, quen animou á veciñanza a sumarse a esta proposta deportiva e de lecer.

O torneo desenvolverase entre as 16.30 e as 20.30 horas e estará aberto a persoas a partir dos oito anos. Haberá dúas categorías: sub-16, para nados en 2011 e posteriores, e absoluta, para participantes nados antes de 2011.

A organización ofrecerá auga e froita durante a xornada e entregará un agasallo a todos os participantes. Ademais, haberá trofeos para os catro primeiros clasificados de cada categoría e medallas para todos os participantes da categoría sub-16. O desenvolvemento das partidas estará supervisado por oito árbitros, que velarán polo correcto cumprimento das normas e polo bo funcionamento da competición.

As inscricións permanecerán abertas ata o luns 7 de setembro e poderán realizarse presencialmente no Pavillón Pedra da Moa, a través do teléfono 629 340 703 ou mediante o correo electrónico ourensetenisdemesa@gmail.com.