AJE Ourense leva o comercio local á rúa co proxecto ‘Comercio Vivo’

A iniciativa, apoiada pola Deputación a través do Inorde, pon en marcha un escaparate itinerante para dar visibilidade a unha trintena de empresas ourensás.

A Asociación de Jóvenes Empresarios de Ourense (AJE Ourense) puxo en marcha  o proxecto ‘Comercio Vivo’, unha iniciativa coa que busca achegar o comercio local á cidadanía, promocionar as empresas ourensás e combinar a presenza física na rúa co potencial das novas ferramentas dixitais.

O eixo central da campaña é o ‘AJE Box’, un contedor marítimo acondicionado como espazo expositivo que funcionará como un escaparate móbil para os negocios asociados. O espazo, situado na contorna da Subdelegación do Goberno en Ourense, permanecerá aberto ata o 27 de setembro, de 10.00 a 21.00 horas, todos os días da semana.

Durante estas dúas semanas, preto de 15 empresas asociadas a AJE Ourense poderán utilizar de maneira rotatoria e gratuíta este espazo para mostrar os seus produtos, presentar os seus servizos e establecer un contacto directo cos consumidores. A proposta amplíase ademais ao ámbito dixital, cunha campaña de contidos audiovisuais e publicidade nas redes sociais.

Deste xeito, outras empresas que non teñan presenza física no ‘AJE Box’ poderán participar igualmente mediante vídeos de presentación. En total, a iniciativa terá un impacto directo sobre arredor de 30 empresas, ao tempo que pretende beneficiar indirectamente ao conxunto do tecido empresarial asociado a AJE Ourense.

A presidenta de AJE Ourense, Noelia Rodríguez Aparicio, participou na presentación da iniciativa, que nace coa intención de converter o comercio de proximidade nunha experiencia máis visible e próxima para a cidadanía. A organización aposta así por unha fórmula que combina escaparate físico, promoción dixital e contacto directo cos consumidores.

O proxecto conta co apoio da Deputación de Ourense, a través da convocatoria de subvencións do Inorde para a dinamización e promoción do comercio local destinada a asociacións de comerciantes e empresariais da provincia.

Na inauguración tamén participou o presidente da Deputación, Luis Menor, quen puxo en valor o papel do comercio de proximidade e destacou a capacidade de AJE Ourense para impulsar novas fórmulas de promoción empresarial. Menor animou á cidadanía a visitar o ‘AJE Box’ e coñecer o traballo dos novos empresarios ourensáns.

Con ‘Comercio Vivo’, AJE Ourense busca sacar as empresas á rúa, facilitar o contacto cos consumidores e reforzar a visibilidade do comercio local, nunha proposta que pretende demostrar que a innovación tamén pode ser unha ferramenta para dinamizar os negocios de proximidade.