O Galician Freaky Film Festival celebra dez anos en Vigo con Lloyd Kaufman como convidado de honra

O certame desenvolverase do 17 ao 26 de setembro e contará con proxeccións, sesións especiais, actividades para todos os públicos e a presenza por primeira vez en Galicia do creador de Troma.

Vigo prepárase para dez días de cine fantástico, terror e propostas fóra do convencional coa celebración da décima edición do Galician Freaky Film Festival (GFFF). O certame desenvolverase do 17 ao 26 de setembro e chega ao seu décimo aniversario cunha programación que combina competición internacional, sesións especiais, actividades para o público familiar e encontros con figuras destacadas do cinema de culto.

Un dos grandes atractivos desta edición será a presenza de Lloyd Kaufman, cofundador de Troma Entertainment e unha das figuras máis recoñecibles do cinema independente e de culto estadounidense. Será a primeira vez que Kaufman visite Galicia e Vigo, onde participará en diferentes actividades ao longo dos primeiros días do festival.

Unha inauguración con ‘The Fly’ e ‘The Toxic Avenger’
A décima edición arrancará o xoves 17 de setembro ás 19:00 horas nos Cines Tamberlick, na Praza Elíptica, cunha gala de inauguración moi especial. A primeira sesión estará formada por unha dobre proxección de The Fly, de David Cronenberg, e The Toxic Avenger, de Troma, presentada polo propio Lloyd Kaufman.

A presenza do cineasta está estreitamente ligada á homenaxe que o festival rende este ano a The Toxic Avenger, unha das películas máis emblemáticas da produtora Troma. O propio Kaufman confirmou a súa asistencia despois de coñecer que o filme sería proxectado na inauguración.

A programación dedicada ao director continuará o venres 18, cun encontro no que falará sobre cinema, Troma e a súa traxectoria, ademais dunha sesión Troma prevista para as 22:30 horas. O sábado 19 será a quenda de Lloyd Meets Freaks, un encontro que permitirá ao público conseguir sinaturas e fotografías co convidado de honra (17.00h).

Dez anos de cinema freak
A edición número dez do GFFF entregará os seus premios o sábado 26 de setembro, cando o festival baixará o pano cunha nova sesión especial. A película escollida para a clausura será «Big Trouble in Little China», o clásico de John Carpenter. A sesión de clausura está prevista para as 22:00 horas.

Entre a inauguración e a clausura, o festival ofrecerá unha ampla programación de cinema fantástico e freak. A sección oficial reunirá curtametraxes internacionais e, nesta décima edición, o GFFF consolídase ademais como membro competitivo da Méliès International Festivals Federation, o que lle permite conceder o prestixioso Méliès d’Argent á mellor curtametraxe fantástica europea da súa selección.

Programación para todas as idades
O público máis novo tamén terá o seu espazo coa sexta edición do Pequefreak, que se celebrará os días 19 e 20 de setembro. A proposta inclúe curtametraxes, proxeccións especiais e talleres pensados para achegar o cinema fantástico aos máis pequenos. Entre as actividades figura un taller de efectos especiais impartido por Ricardo Spencer.

O festival completará a programación cinematográfica con exposicións, presentacións, encontros profesionais e actividades paralelas. Entre elas estará a Feria Freak, así como unha exposición de carteis fantásticos procedentes do Museu de Cinema de Melgaço Jean-Loup Passek.