«Las ciegas hormigas» abrirá o 31º OUFF cunha estrea en Galicia e a homenaxe a Javier Gutiérrez

A película de Igor Legarreta proxectarase o venres 25 de setembro no Auditorio Municipal de Ourense, onde o actor recibirá a Calpurnia de Honor pola súa traxectoria.

O Ourense Film Festival (OUFF) xa ten película para dar o pistoletazo de saída á súa 31ª edición. Las ciegas hormigas (Inurri itsuak), o novo filme do director vasco Igor Legarreta, será o encargado de inaugurar o certame o vindeiro venres 25 de setembro, cunha estrea en Galicia no Auditorio Municipal de Ourense.
A gala de apertura terá ademais como protagonista a Javier Gutiérrez, que recibirá a Calpurnia de Honor desta edición como recoñecemento á súa ampla traxectoria no cine, no teatro e na televisión.

Las ciegas hormigas é a terceira longametraxe de Igor Legarreta, director de filmes como Todas las lunas e Operación Marea Negra. A película sitúa a acción en Bizkaia, en 1935, e parte dun temporal que provoca o embarrancamento dun barco inglés na costa de Algorta, cargado de toneladas de carbón.
O naufraxio convértese nunha oportunidade para os habitantes da zona, que se lanzan á costa para intentar recuperar o carbón. Entre eles está Sabas Jáuregui, que ve no cargamento unha posibilidade para sacar adiante a súa familia durante o inverno. Porén, a súa decisión levará os seus fillos a enfrontarse a unha situación cada vez máis perigosa, mentres a súa esposa, Josefa, trata de advertirlle dos riscos.
O reparto está encabezado por Urko Olazabal, Itziar Ituño, Josean Bengoetxea e Carlos Santos. A película está producida por Lamia Producciones, Lamia Films e LAZONA Zinema e conta coa distribución de Buena Vista International.

Javier Gutiérrez, Calpurnia de Honor
A gala inaugural servirá tamén para recoñecer a carreira de Javier Gutiérrez, un dos intérpretes máis destacados do panorama audiovisual español. O actor recibirá a Calpurnia de Honor do OUFF en recoñecemento a unha traxectoria construída ao longo de décadas tanto no escenario como diante das cámaras.

Con esta dobre aposta, pola estrea dunha produción de cinema vasco e pola homenaxe a un dos grandes actores do audiovisual español, o OUFF dará comezo a unha nova edición coa que volverá converter Ourense nun dos puntos de encontro do cinema durante o mes de setembro.