Recta final para o Galicia Freaky Film Festival

A Feira Freak e a clausura porán o broche final.

O Galicia Friki Film Festival (GFFF) xa está na recta final da décima edición, despois dunha semana na que a nota salientable foi a gran afluencia de público ás distintas sesións que organizaron desde o desde o GFFF.
A sorpresa deste ano foi a presenza de Lloyd Kaufman, creador, entre outros, da Troma, Tomaville e Toxic -héroe que vive nesta localidade ficticia e que non ten nada que ver cos superheroes de Marvel e DC Comics-.

Coa sede no centro comercial Praza Elíptica de Vigo (entre a sala Apo´strophe.arte e o cine Tamberlick) a inauguración, como sempre, foi cunha sesión dobre de filmes; nesta ocasión gozouse en pantalla grande de dúas «Body horror» (películas de mutacións, alteracións do corpo humano) como son «A mosca» de David Cronenberg e «O vengador tóxico», co propio Kaufman para facer de mestre de cerimonias. O público encheu a sala do cine Tamberlick nesta inauguración demostrando a necesidade dun festival coma este.

A presenza de Kaufman non se quedou na presentación da película senón que, durante dous días máis, realizou unha masterclass falando da súa expeciencia no mundo do cine, e firmando sinaturas e facéndose fotos cos incondicionais. Tres días no que Lloyd Kaufman non esquecerá Galicia.
Durante a primeira semana de festival foron numerosos os eventos que se organizaron como as proxeccións das sesións oficiais ou de películas que tiveron moi pouco percorrido comercial en salas españolas.

O que queda
Para os dous últimos días do GFFF está prevista a cuarta edición da Feria Fantástica e Freak de Galicia, que terá lugar este mesmo venres (de 16 a 20.30h) e o sábado (de 11 a 20.30h)
Completarase a programación coa sección oficial «Alimento para o maxín», «Serie B-estial» e ás 11.00 da noite, unha sesión onanista como cada ano cun filme bizarro sorpresa que non se saberá ata o propio momento no que se proxecte.
Na última xornada (sábado 25) continuarase co feira e proxectaranse dúas sesións oficiais: «Humor freak, vol.2» e «Que carallo é isto? Vol.2». Ademais realizarase unha poxa benéfica a favos de SOS Racismo na sala Apo´strophe.arte (do propio centro comercial).
E para rematar, no cine Tamberlick farase a gala de clausura na que se entregarán os premios desta décima edición e visionarase unha película de culto que goza do favor dos presentes; para este ano a organización decidio que baixará o pano do 10º Galicia Friki Film Festival a película de John Carpenter «Golpe na pequena China».