O domingo, 18 de outubro, a vila de San Rosendo xunta teatro, música e arte en dúas citas: Molto Barroco, do FITO, no Auditorio Municipal Ilduara, e a apertura do estudo do pintor Baldomero Moreiras en Vilanova dos Infantes no marco da proposta de “Estudios Abertos Ourense”.
Este domingo, 18 de outubro, o Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) chega a Celanova coa compañía galega Píscore Teatro e o seu espectáculo Molto Barroco. A función será ás 19:00 horas no Auditorio Municipal Ilduara e as entradas, cun prezo de 4 euros, estarán á venda unha hora antes da función na billeteira do AMIC.
Molto Barroco é unha reivindicación da música barroca desde o teatro e o humor. A trama sitúase nunha corte real europea de mediados do século XVIII. Comedia de enredo na corte do século XVIII, con música barroca orixinal, humor, baile e malabares, dirixida por Fran Rei e interpretada por Pepe Varela, Diego Rosal, Félix Rodríguez e Pablo Cabanelas.
Estudios abertos Ourense chega a Vilanova
O pintor Baldomero Moreiras abrirá este domingo 18 de outubro as portas da súa casa-estudo, situada nun dos edificios históricos máis emblemáticos da praza de Vilanova dos Infantes (Celanova). A visita enmárcase na terceira edición de Estudos Abertos Ourense unha iniciativa organizada pola Maquinadora, na que colaboran, entre outros, o Concello de Celanova, a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia.
Non é a primeira vez que o artista participa en Estudos Abertos Ourense. Na primeira edición abriu o seu taller da antiga reitoral de Golpellás, en Paderne de Allariz. Agora invita a coñecer a súa casa, que alén da súa propia obra garda unha importante colección de arte galega, con notable presenza de artistas ourensáns. O estudo abre unicamente o domingo 18, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas, na Praza Víctor Ferro de Vilanova dos Infantes. Estudos Abertos ofrece ademais roteiros guiados con reserva previa no seu web, estudiosabertos.com, onde tamén se pode consultar o mapa completo de espazos.
A cita ten un atractivo engadido: o lugar. Vilanova dos Infantes, presidida pola súa torre medieval e atravesada por rúas empedradas, incorporouse en 2026 á rede de “Los Pueblos Más Bonitos de España”. Quen se achegue poderá combinar a visita ao estudo cun paseo por un conxunto patrimonial que inclúe a torre da homenaxe e o santuario da Virxe do Cristal.





