Os negocios de Allariz únense na campaña «O Cofre das Ánimas» para dinamizar o comercio polo Samaín

A iniciativa, na que participan 37 locais, sorteará seis lotes de produtos, servizos e experiencias locais entre as persoas que realicen compras por un mínimo de 30 euros en catro establecementos diferentes.

O comercio e a hostalería de Allariz poñen en marcha «O Cofre das Ánimas», unha campaña de dinamización comercial con motivo do Samaín na que participan 37 establecementos do municipio. A iniciativa, impulsada por Comercio e Hostalaría de Allariz coa colaboración do Concello, busca incentivar as compras e consumicións nos negocios locais e premiar a fidelidade da clientela.

A campaña estará activa do 30 de outubro ao 5 de novembro de 2026 e permitirá optar ao sorteo de seis lotes de premios compostos por produtos, servizos, descontos e experiencias achegados polos negocios participantes.

Para participar, as persoas maiores de 18 anos deberán reunir tíckets de compra ou consumición por un importe acumulado de polo menos 30 euros, correspondentes a catro establecementos diferentes adheridos á iniciativa. Non se establece un gasto mínimo individual por comercio, pero os xustificantes non poderán reutilizarse.

Unha vez reunidos os tíckets, será necesario cubrir a papeleta oficial cos datos de contacto e presentar os comprobantes para a súa verificación. As papeletas poderán depositarse ata o 5 de novembro, ás 20.00 horas, nas cinco urnas habilitadas en Querqus Parafarmacia, Fío de Liño, Pocholiñ@s Park, Vagalume e Bambi Moda Infantil.

O sorteo público celebrarase o venres 6 de novembro, ás 14.00 horas, nas instalacións de Pocholiñ@s Park, situadas na rúa Piñeiro, número 9, local D, en Allariz. Extraeranse seis papeletas gañadoras, unha por cada lote temático, e cada participante poderá recibir como máximo un premio.

A variedade dos agasallos abrangue diferentes sectores da economía local. Os lotes incluirán propostas de moda, cultura e fotografía; artesanía, libros e experiencias; familia, lecer e compras; coidados e pequenos agasallos; gastronomía e fogar; así como beleza, moda e produtos locais.

As persoas premiadas poderán utilizar os vales e premios ata o 5 de xaneiro de 2027, incluído, dentro do prazo establecido nas bases da campaña.

Con «O Cofre das Ánimas», os negocios de Allariz aproveitan a celebración do Samaín para reforzar a actividade económica local e animar a veciñanza e ás persoas visitantes a descubrir a oferta comercial e hostaleira da vila. As bases completas da iniciativa poden consultarse na páxina web do Concello, www.allariz.gal.