A 26ªFesta do Esquecemento presenta a súa maior edición

Con máis de 50 actividades gratuítas.

A 26ª Festa do Esquecemento de Xinzo de Limia celebrará do venres 21 ao domingo 23 de agosto unha ampla programación de espectáculos, música, animación de rúa e recreación histórica, con actividades repartidas polas rúas do casco vello, o Parque do Toural, a Praza Maior e o Campamento Galaico-Romano.

O programa mantén os grandes momentos que definen a festa: o Gran Desfile Inaugural, o Desfile das tropas de Décimo e o Desfile da Vitoria e, como acto principal, o cruce do río Lethes —o lendario río do esquecemento— coa gran loita final entre castrexos e romanos. A ambientación estará reforzada por 12 grupos musicais e polas batucadas, que porán ritmo ás rúas e ao campamento durante toda a fin de semana.
Nesta edición, Xinzo de Limia reunirá 54 grupos participantes e a presenza de 13 tropas estranxeiras chegadas doutras recreacións históricas de toda España, que converten a vila nun referente do recreacionismo histórico en Galicia e nun motivo de orgullo para toda a comarca. Ademais, agárdase que milleiros de persoas se acheguen a participar na festa durante a fin de semana.

A programación comezará o venres 21, ás 20.00 horas, coa inauguración da festa coa participación de Cidade de Antioquía, no campamento e no Parque do Toural. Ao longo da tarde e da noite sucederanse diferentes propostas de animación de rúa, entre elas Os Faunos chegan á vila romana, Os mercaderes da Ruta da Seda e O Minotauro e a Deusa Perla. Tamén haberá música itinerante con Treefolk e Cidade de Antioquía.

Ás 23.30 horas terá lugar o gran desfile inaugural con fachos, que dará paso, xa de madrugada, ao Prendido do lume sagrado, na Praza Carlos Casares. A xornada rematará con novas actuacións musicais de Bloco Trifulka e Treefolk.

O sábado 22 a actividade comezará ás 12.00 horas coa apertura do mercado e da zona infantil, acompañada pola música de Treefolk. Durante a mañá e a tarde haberá contacontos, teatro de gladiadores, pasarrúas e o desfile da Legio VI Civitas Limicorum.

A programación continuará pola tarde con diferentes propostas de animación e música, así como os Xogos Olímpicos infantís e os Grandes Xogos Olímpicos no Campamento Galaico-Romano. Ás 20.30 horas representarase Vodas Galaicas, mentres que posteriormente se celebrará o desfile das tropas romanas de Décimo Xunio Bruto.

Xa pola noite chegarán espectáculos como Os Cíclopes Andantes, as Loitas de Gladiadores de Lucius Spiculus e diferentes animacións de rúa. A xornada contará tamén con pasarrúas de Lirolaio, Treefolk e Os Perotores, ademais do espectáculo Venditio Servorum e o concerto de En Mala Hora.

O domingo 23 a festa retomará a actividade ás 19.00 horas coa apertura do mercado e da zona infantil, acompañada por Lirolaio. Durante a tarde sucederanse espectáculos como a loita de gladiadores de Lucius Spiculus, A Lexión dos Deuses, Os Cíclopes Andantes e os bautizos galaicos e romanos.

Un dos momentos centrais da xornada chegará ás 17.30 horas co Cruce do Río e gran loita, seguido de diferentes actuacións musicais e do Cruce do Río Lethes.

Na recta final da festa terá lugar o Desfile da Vitoria, seguido de A Danza de Venus, un espectáculo de acrobacias na Praza Maior. A programación pecharase coa entrega de premios aos participantes, o apagado do lume sagrado e, ás 00.00 horas, o concerto de despedida con Treefolk no Campamento Galaico-Romano.

Durante as tres xornadas, as rúas e prazas de Xinzo acollerán ademais numerosos pasarrúas e actuacións de música itinerante, contribuíndo a recrear o ambiente da vila galaica e romana e mantendo a actividade festiva durante boa parte da xornada. O programa completo pode consultarse nas redes sociais e no código QR do cartel oficial.

«A Festa do Esquecemento é o mellor exemplo do que Xinzo é capaz de facer: unha vila que se une arredor da súa historia e que proxecta o seu nome moito máis alá da comarca. Desde o Concello seguiremos apoiando unha cita que dá vida, cultura e orgullo á nosa vila», sinalou o alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz.

«O expediente para que a Festa do Esquecemento sexa recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia está en plena valoración. Por iso, este ano máis ca nunca, precisamos o último empurrón da veciñanza: saír á rúa e vivir a festa con orgullo», sinala o presidente da Civitas Limicorum, Marcos Argibay.