A Deputación aproba 1,3 millóns en axudas e convoca o II Plan provincial de Lectura

O programa de lectura contará con 350.000 euros para facilitar a compra de libros entre a mocidade ourensá.

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou  máis de 1,3 millóns de euros en axudas para concellos e entidades da provincia, ademais das bases da segunda edición do Plan provincial de Lectura, dotado con 350.000 euros.

O plan permitirá ás persoas menores de idade empadroadas na provincia adquirir un libro, cun límite de 20 euros, entre o 15 de outubro e o 18 de decembro. Quedan excluídos os libros de texto e o material escolar. Segundo destacou o presidente da Deputación, Luis Menor, a iniciativa busca fomentar os hábitos de lectura e facilitar o acceso á cultura entre a mocidade ourensá.

No apartado de cooperación cos concellos, aprobáronse 21 subvencións a 17 entidades locais por 833.550,55 euros, destinadas principalmente a infraestruturas básicas, saneamento e abastecemento, instalacións deportivas e actuacións vinculadas ás emerxencias e á seguridade.

Entre as achegas destacan os 200.000 euros para o futuro polideportivo de Vilamarín, 150.000 euros para unha nave-almacén en Sandiás e 40.000 euros para os gastos de funcionamento dos GES do Pereiro de Aguiar e do Barco de Valdeorras, respectivamente.

A Deputación aprobou tamén sete subvencións a entidades por 118.095,60 euros, destinadas a iniciativas medioambientais, sociais, culturais e deportivas. Entre elas figura unha achega de 35.000 euros á Federación Galega de Piragüismo para a organización de competicións.

En total, as axudas aprobadas nesta sesión ascenden a 1.301.646,15 euros, ás que se suma a nova convocatoria do Plan provincial de Lectura.