Alimagro 2026 prepara catro días de actividades para celebrar o agro da Limia

A VII Feira do Agro da Limia terá como novidades unha demostración de maquinaria agrícola en campo e a elaboración dunha tortilla de pataca xigante.

Xinzo de Limia acollerá esta fin de semana unha nova edición de Alimagro, a Feira do Agro da Limia, que celebrará os días 5 e 6 de setembro a súa sétima edición cun programa que comezará xa este xoves e que combina agricultura, gastronomía e actividades para todos os públicos.

Entre as principais novidades deste ano destaca Demoalimagro, unha demostración de maquinaria agrícola que permitirá aos profesionais comprobar o funcionamento de diferentes equipos directamente nos campos de ensaio do INORDE. A actividade desenvolverase o sábado pola mañá e contará coa participación de varias empresas do sector e maquinaria das principais marcas.

A programación tamén terá un marcado carácter gastronómico, con actividades como a II Cata Nacional de Patacas, prevista para o venres, e a elaboración dunha tortilla de pataca xigante o sábado ás 17.00 horas, que posteriormente será degustada polos asistentes.

Os máis pequenos tamén terán o seu espazo en Alimagro. Este venres, ás 17.00 horas, celebrarase un taller de cociña para nenos e nenas de entre 5 e 14 anos, no que poderán achegarse á elaboración de alimentos e aos produtos da terra. A actividade será gratuíta, aínda que as prazas son limitadas e require inscrición previa.

A feira abrirá as súas portas o sábado ás 10.00 horas e será inaugurada oficialmente ás 13.00 horas. Durante a fin de semana tamén haberá talleres infantís, degustación de pinchos de pataca e diferentes actividades vinculadas ao sector agrícola.

Alimagro está organizado polo Concello de Xinzo de Limia coa colaboración de diferentes institucións e entidades vinculadas ao sector agrario. A programación prolongarase ata o domingo pola noite, cando se clausurará a VII Feira do Agro da Limia.