A través do programa integral ‘REMEN’.
O Concello de Allariz pon en marcha o programa REMEN (Reforzo Educativo para Menores), unha iniciativa que busca garantir a igualdade de oportunidades no ámbito escolar. Este proxecto, que bota a andar grazas ao cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Social Europeo Plus (FSE+), permite ao Concello consolidar un recurso profesional de proximidade en Allariz, así como nas parroquias e aldeas, asegurando que o apoio chegue a todas as familias que o precisen.
Desde a área de Benestar Social de Allariz enténdese este programa como un acompañamento integral. O obxectivo é que ningunha circunstancia económica ou social se converta nunha barreira para o desenvolvemento e o éxito académico da poboación máis nova do municipio.
Á fronte do proxecto está unha educadora social que nestes momentos lidera o traballo de campo e a coordinación cos equipos de orientación dos centros de ensino. Esta fase inicial é clave para detectar de xeito individualizado que menores poden aproveitar mellor este recurso público.
Un dos piares do REMEN en Allariz é a súa vocación de servizo próximo. Dada a dispersión xeográfica do municipio, a planificación do programa contempla desprazar as intervencións aos locais sociais das aldeas e parroquias, facilitando así que a distancia non sexa un atranco para participar nas actividades.
«Estamos nesa etapa necesaria de escoitar e coñecer a realidade de cada familia», explican desde o equipo técnico de Benestar. Tras os contactos institucionais, a educadora está a iniciar as entrevistas persoais para crear o vínculo necesario antes de poñer en marcha as dinámicas grupais, os obradoiros de técnicas de estudo e as actividades de habilidades sociais.
O REMEN busca tamén aproveitar a rede de recursos xa existentes na vila. Por iso, o programa prevé a colaboración coas academias locais para aqueles casos que requiran un reforzo máis específico, favorecendo que a mocidade se integre nos espazos comunitarios de Allariz. O proxecto reserva tamén un espazo fundamental para o traballo coas familias, ofrecéndolles ferramentas para que poidan acompañar mellor o proceso de aprendizaxe desde o fogar.
As persoas interesadas poden informarse a través dos centros educativos ou directamente no Servizo de Educación e Apoio Familiar (SEAF) do Concello, seguindo os criterios de vulnerabilidade establecidos na normativa de inclusión social.





