Modernización da rede de abastecemento na Valenzá

No entorno da Glorieta da Familia.

O Concello de Barbadás vén de iniciar as obras de renovación da rede de abastecemento de auga no entorno da Glorieta da Familia, na Valenzá. A actuación supón un investimento de 54.000 euros e inclúe o cambio das antigas tubaxes de fibrocemento por tubos de PVC en parte da rúa Areal (desde a Glorieta da Familia ata a rúa Salgueiriños) e rúa Salgueiriños. “Queremos que a nosa poboación teña un mellor servizo de abastecemento, moderno e nas mellores condicións posibles”, resalta Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás.

Segundo a previsión do Goberno municipal, as obras estenderanse durante as próximas tres semanas. “Trátase dunha mellora importante, xa que o fibrocemento estaba a provocar continuas roturas e fugas que conlevaban trastornos no abastecemento das vivendas da zona”, explica Daniel Rey, tenente alcalde e concelleiro de Obras. As novas tubaxes de PVC son máis resistentes, duradeiras e flexibles ca as antigas, ao mesmo tempo que contan cunha maior capacidade hidráulica.