O OUFF abre o prazo de inscrición para a sección Made in OU da edición 2026

A convocatoria permanecerá aberta ata o 30 de xullo.

Ourense Film Festival abre o período de inscrición para participar na nova edición de Made in OU, a sección dedicada a dar visibilidade aos proxectos audiovisuais vencellados á provincia de Ourense.
Made in OU naceu o pasado ano co obxectivo de ofrecer un escaparate dentro da programación oficial do festival para aquelas pezas que, pola súa natureza ou formato, non compiten nas seccións oficiais. Trátase dunha oportunidade para que o talento ourensán poida amosar o seu traballo ao público e compartir espazo coa programación do festival.

As obras seleccionadas serán proxectadas entre o 25 de setembro e 4 de outubro, datas nas que terá lugar o 31 OUFF. O lugar elixido será a sala do Cine Clube Padre Feijoo, que se converterá así nun punto de encontro para os creadoras e creadores de toda a provincia.

Requisitos de participación
Para optar á selección en Made in OU, os proxectos deben cumprir polo menos un dos seguintes criterios:
– Produción realizada por unha produtora ourensá.
– Dirección a cargo dunha persoa ourensá.
– Equipo técnico composto, como mínimo, por un 80% de profesionais ourensáns.
– 80% da metraxe gravada na provincia de Ourense.

Inscrición
A inscrición realizarase a través da plataforma Festhome ou do formulario en liña, no que deberá achegarse unha ligazón para o visionado da obra, ata o vindeiro 30 de xullo. Un equipo designado pola dirección do festival será o encargado de seleccionar as pezas que formarán parte desta sección na edición 2026.

Abertas tamén as inscricións das seccións competitivas
Ademais, xa está aberto o prazo de inscrición para as súas dúas categorías competitivas principais: a Sección Oficial Internacional e a Sección Oficial Panorama Galicia. No caso da primeira, poden entrar pezas producidas en 2025 ou 2026, que non fosen estreadas comercialmente en España antes do 4 de outubro de 2026.

Para Panorama Galicia poden participar obras producidas integramente en Galicia, coproducidas con participación galega ou con dirección galega, realizadas entre 2025 e 2026. No caso de producións españolas, deberán contar con parte do equipo técnico e artístico galego ou ter unha temática central galega. As longametraxes deben superar os 60 minutos e as curtametraxes non exceder os 15 minutos.

Para as dúas seccións, a inscrición é gratuíta e realízase a través de Festhome ou Click For Festivals. O prazo remata o día 15 de xullo de 2026. Poden consultarse as bases completas na web https://ouffestival.gal/es/