O Festival de Cine de Ourense celebrará a súa nova edición do 25 de setembro ao 4 de outubro e anuncia novos premios, xurados e unha programación que amplía a súa proxección.
O OUFF (Ourense Film Festival) presentou oficialmente a súa 31ª edición nun acto celebrado no Pazo de Vilamarín que reuniu representantes institucionais, patrocinadores, colaboradores, medios de comunicación e parte do equipo do festival. A cita serviu para dar o pistoletazo de saída a unha edición que se desenvolverá do 25 de setembro ao 4 de outubro e que chega con novidades na programación, novos recoñecementos e unha clara vontade de ampliar a súa dimensión nacional e internacional.
Durante o acto, o director artístico do OUFF, Óscar Doviso, avanzou as principais liñas da programación, marcadas pola diversidade de propostas, a recuperación da memoria cinematográfica e a expansión territorial do festival. Doviso presentou tamén os integrantes dos xurados das tres seccións oficiais —Internacional, Panorama Galicia e Curtametraxes—, formados por profesionais de diferentes ámbitos da industria audiovisual e procedencias.
Entre os nomes que avaliarán as películas a concurso figuran a actriz italiana Federica Sabatini, o produtor Pablo Barinaga, a actriz e dramaturga Marta Belenguer, o deseñador de vestiario Fernando García e a directora de arte Ana Alvargonzález, na Sección Oficial Internacional. En Panorama Galicia, o xurado estará presidido por Francis Lorenzo e contará, entre outros, coa xornalista Amalia Enríquez, o actor e director de dobraxe Luís Iglesia e as cineastas Ariadna Silva Fernández e Adriana Páramo. A Sección Oficial de Curtametraxes estará integrada polas actrices Chacha Huang e Carla Nieto e o actor e cineasta Nani Matos.
Galardóns
A presentación permitiu ademais coñecer dous dos novos galardóns desta edición. O Premio Especial OUFF será para Charo López, mentres que o Premio Chano Piñeiro recaerá en José Manuel Lorenzo. Ambos os recoñecementos súmanse á xa anunciada Calpurnia de Honra a Javier Gutiérrez. O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, destacou o papel do festival como motor cultural e de proxección exterior da provincia e defendeu a súa capacidade para atraer talento, profesionais e visitantes.
A programación que rodea esta presentación confirma esa aposta por ampliar o alcance do festival. Unha das propostas destacadas é a competición de curtametraxes, que reunirá 18 obras de 11 nacionalidades. España achega sete títulos, tres deles galegos, mentres que a selección inclúe tamén producións de Portugal, Irán, Bélxica, China, Cuba, Canadá, O Salvador, Suíza, Alemaña e Brasil. As películas abordan cuestións como os fluxos migratorios, a violencia contra as mulleres, a saúde mental, a memoria histórica, as relacións familiares ou as dificultades da adolescencia.
Outras seccións
Outro dos cambios importantes chega coa sección Inédito, que nesta edición abandona as súas anteriores limitacións xeográficas para converterse nunha fiestra a estreas autonómicas, nacionais e películas sen distribución comercial prevista ata 2027. A sección estará formada por cinco longametraxes e terá como escenario os cines Galicine do centro comercial Ponte Vella.
Entre os primeiros títulos anunciados destaca Napoli New York, de Gabriele Salvatores, que terá no OUFF a súa estrea absoluta en España. O filme parte dun guión escrito por Federico Fellini e Tullio Pinelli en 1948 que permaneceu inédito durante décadas. Tamén chegará a Ourense The Man I Love, protagonizada por Rami Malek, despois do seu paso por Cannes e polo Festival de San Sebastián, e antes da súa chegada ás salas comerciais, prevista para 2027.
O festival manterá tamén a súa mirada sobre o talento vinculado á provincia coa sección Made in OU, que reunirá dez proxectos entre ficción e documental do 29 de setembro ao 2 de outubro no Cineclube Padre Feijóo. Coordinada por segundo ano polo cineasta ourensán Rubén Méndez, a proposta pretende reflectir a diversidade xeracional e temática do audiovisual ligado a Ourense.
A programación inclúe así propostas arredor da memoria, o territorio, a identidade e a tradición, xunto con historias de ficción e cine de xénero. Entre os títulos figuran Todo pode esperar, Ferrín Arraiano, Mulleres en Parada de Sil, Cando o vento arde e o thriller O Felo, nunha mostra que busca poñer en valor tanto os creadores consolidados como as novas voces vinculadas á provincia.
Outra programación paralela será a Agarimo, na que este ano adícase ao director Billy Wilder; o festival proxectará cinco obras deste superlativo director.
Universo Tolkien
O OUFF homenaxeará ao universo de J.R.R. Tolkien, coincidindo co 25º aniversario da estrea cinematográfica da triloxía de El Señor de los Anillos. O eixo central será a exposición “Terra do Anel – Unha viaxe entre reinos”, que poderá visitarse do 17 de setembro ao 1 de novembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Ademais, o OUFF Film Symphony ofrecerá dous concertos dedicados á banda sonora de Howard Shore. A Xove Orquesta Ourensanía, dirixida por José Luis Tielas e acompañada por un gran coro, actuará o 26 de setembro no Auditorio de Ourense e o 3 de outubro no Auditorio de Verín.





