Será para mulleres e celebrarase este sábado, 28 de marzo.
O Concello de Barbadás, a través da Concellería de Igualdade, organiza este sábado un obradoiro de autodefensa para mulleres enmarcado na programación do 8M. As participantes aprenderán diversas técnicas de autodefensa durante a actividade, que estará guiada por persoal cualificado. O obxectivo é traballar na autoprotección das mulleres, ademais de crear un espazo seguro no que compartir experiencias.
O prazo de inscrición está aberto ata este xoves, día 26 de marzo. Para anotarse é preciso enviar un correo electrónico a igualdade@barbadas.gal ou chamar ao teléfono 988 222 251. A actividade é gratuíta e levarase a cabo este sábado, día 28 de marzo, na Casa da Mocidade de Barbadás en horario de 11,30 a 13,30 horas.
A programación do 8M en Barbadás continúa o venres 17 de abril na Casa da Cultura Manuel María coa representación da obra de teatro “As alumnas”, dirixida por Fina Calleja. Por outra banda, durante marzo e abril, estanse a desenvolver obradoiros de igualdade no CEIP Filomena Dato, CEIP O Ruxidoiro, CPR Luis Vives e IES Xesús Ferro Couselo.





